PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Dificultades para pasar a ITV Agrícola en prazo

O Concello de San Sadurniño solicitaralle ó Estado unha ampliación da validez das ITVs para vehículos agrícolas ante o atraso acumulado nas citas das unidades móbiles

Punto de inspección técnica de vehículos.

Varias chamadas de veciños para preguntar sobre as datas nas que a unidade móbil da ITV agrícola chegaría a San Sadurniño (A Coruña) puxeron sobre aviso ao Concello das dificultades para pasar a revisión en prazo. A concesionaria das inspeccións, SyC APPLUS+ITV, confirmoulle ao rexedor que non prevén desprazar ningún equipo ata polo menos xaneiro ou febreiro do 2021, debido aos atrasos acumulados nos últimos meses.

Polo momento, a validez das inspeccións técnicas para os vehículos agrícolas destinados a labores no campo, tal e como cita o BOE, está prorrogada até o 10 de novembro, pero descoñécese que acontecerá despois desa data cos vehículos que non poidan ter a ITV ó día. “Na ITV non comentaron nada ao respecto, posto que a súa función é a de verificar o correcto estado de circulación da maquinaria, non a de decidir como debe actuar Tráfico en caso de parar un vehículo agrícola sen a inspección en vigor”, detallan dende o Concello.

Ante esta situación, O Concello de San Sadurniño tamén se puxo en contacto coa Delegación do Goberno na Coruña para solicitarlle información sobre se se conta ampliar a vixencia das inspeccións ou, en caso contrario, se se vai dar algunha instrución dende a Dirección Xeral de Tráfico no sentido de flexibilizar as posibles actuacións, no caso de vehículos agrícolas que deberían ter pasado a ITV desde a declaración do primeiro Estado de Alarma.

PUBLICIDADE

“Sería un gran inconveniente que os tractores tivesen que ir á ITV da Gándara pasar a revisión despois do 10 de novembro, cando antes tiñan garantida unha inspección tódolos anos en Santa Mariña, en Igrexafeita e en Moeche. Ademais tamén sería inxusto que calquera veciña ou veciño fose multado despois desa data por non ter a revisión pasada se lles caducou durante o estado de alarma, xa que non é culpa deles que as unidades móbiles vaian con atraso no seu calendario”, comenta o alcalde do municipio coruñés, Secundino García.

Desde a Delegación do Goberno remítense á normativa da prórroga ata o 10 de novembro, sen avanzar se o prazo se vai ampliar, aínda que tampouco descartan esa posibilidade. Polo momento, recomendan solicitar vez na estación máis próxima a pesar de recoñeceren o inconveniente que supón ter que levar a maquinaria ata alí, sexa desprazándose polos seus propios medios ou sobre unha plataforma. Tampouco se aclara como vai proceder Tráfico a partir desa data se as patrullas detectan algún tractor circulando sen a ITV ao día. Fontes da Delegación aseguran que a Xefatura provincial de Tráfico “está ao tanto e comprende a situación”, ao tempo que recordan que o feito de circular sen ITV é un risco para a seguridade e, ademais, unha complicación legal engadida no caso de que se produza un accidente.

Peticións para axilizar as revisións

Desde o Concello enviarán unha solicitude oficial dirixida a SYC APPLUS+ ITV co obxectivo de que se “axilice no posible” o calendario de inspeccións itinerantes para vehículos agrícolas, ante a incerteza de que vai ocorrer despois do 10 de novembro.

Tamén teñen previsto cursar unha petición á Delegación do Goberno para que se amplíe a prórroga das inspeccións polo menos 2 meses máis, como única maneira de asegurar que tractores e outra maquinaria circulan dentro da legalidade mentres agardan pola revisión.

PUBLICIDADE

Con todo, desde o Concello volven lembrar a necesidade de ter sempre os vehículos en orde de revista, independentemente de que lles toque ou non pasar a ITV. Inciden na importancia de ter en perfectas condicións as rodas, os freos e todo o sistema de iluminación e indicación. Por seguridade tamén cómpre ter en bo estado a dirección, os enganches de apeiros, tendo ben protexidas as tomas de forza, e, se se pode, dotar o vehículo dun arco ou unha cabina homologada que protexa no caso de envorcamento, principal causa de morte en Galicia por accidentes no agro.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *