
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, anunciou esta mañá, durante unha visita a Maderas Besteiro en Friol, que a Xunta de Galicia activará esta ano 1,5 millóns de euros en axudas para apoiar a instalación de caldeiras nos fogares galegos.
O obxecto destas axudas é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases desta convocatoria á que se poderán adherir, desde mañá e ata o 1 de xuño, as entidades colaboradoras interesadas. O prazo para os particulares abrirase o 1 de marzo e rematará o 29 de xuño ou cando se esgoten os fondos, xa que son axudas que se outorgarán por orde de solicitude.
Os apoios favorecerán a mobilización de 3,75 millóns de euros, aforros económicos anuais de 300.000 euros, así como a redución de emisións e aforros anuais de 6000MWh de enerxía. Tamén posibilitará a creación ou mantemento de 37 empregos. Na convocatoria do ano pasado víronse beneficiados 522 fogares.
O director xeral destacou as vantaxes deste tipo de enerxía e puxo como exemplo a actuación que vén de desenvolver Maderas Besteiro, coa instalación dunha caldeira de biomasa de 960kW para a climatización da nave. Cun investimento total superior aos 200.000 euros e unha axuda da Xunta de 98.000, a empresa aforrará 100.000 euros ao ano na compra de combustibles e 2 millóns de kWH/ano de enerxía, o que suporá deixar de emitir 484 toneladas anuais de gases de efecto invernadoiro. Non é o único investimento que a compañía realiza en materia enerxética, ademais, instalou paneis fotovoltaicos, tamén con axudas da Administración galega, que agora ten proxectado ampliar.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta