PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Demandan solucións ante o colapso da solicitude de axudas ó investimento empresarial

O Instituto Galego de Promoción Económica abriu este mércores 7 unha convocatoria de subvencións para autónomos e pequenas e medianas empresas, pero parte dos solicitantes non puideron acceder en todo o día á plataforma electrónica de tramitación

Captura de pantalla dun dos erros que estivo dando estes días a oficina virtual do Igape.

A Xunta de Galicia lanzou este mércores 7 unha apetitosa liña de subvencións, dotada cun total de 3 millóns de euros para investimentos en equipamento de pemes e autónomos. A cuestión é que ao tratarse de axudas de concurrencia non competitiva, a orde de presentación das solicitudes é clave para lograr acceso ós apoios. Así que a maior parte das empresas tramitadoras tiñan toda a documentación preparada a primeira hora da mañá do mércores, á espera de que se abrise o proceso de solicitude. O problema foi que nalgúns casos non deron presentado as solicitudes en todo o día.

A oficina virtual do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a través da que se tiñan que presentar as solicitudes, colapsou polo gran volume de intentos de acceso que rexistrou. Esa situación derivou en casos nos que non se deu accedido á oficina virtual en toda a xornada do mércores ou, se se daba accedido, non permitía cubrir o formulario da solicitude, ao dar erro.

Esta situación suscitou a indignación dos usuarios afectados, que demandaron ó Igape solucións, sen éxito, durante os últimos días. É o caso de Ingeniería Arza SL, que tentou sen éxito presentar unha serie de solicitudes o pasado mércores, desde as 9 da mañá ata as 12 da noite, desde diversos ordenadores, ubicacións e Ips.

PUBLICIDADE

Pero non lles foi posible presentar as solicitudes ata a tarde do xoves, cando xa había centos de solicitudes presentadas e dan por seguro que o orzamento das axudas está máis que esgotado.

O Igape comunicou en redes sociais na tarde do mércores que antes das 18 horas xa levaba 250 solicitudes rexistradas. Tendo en conta que o investimento mínimo esixido por solicitante é de 40.000 euros e que o Igape concede apoios por un 40% dos fondos investidos, só con esas 250 solicitudes, de cumprir os requisitos, xa se tería rebasado sobradamente o orzamento dispoñible.

A esa mesma hora, ás 18 horas do mércores, Ingeniería Arza aínda non fora capaz de entrar na oficina virtual do Igape, sen ter resposta a 10 correos electrónicos enviados por esta incidencia ó Igape. A mesma situación sufrírona outros profesionais ao longo de toda a xornada, como se pode constatar nas queixas que quedaron reflectidas nas redes sociais do Igape.

No caso de Arza, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contestoulles na mañá do xoves 8 que lles bloqueara o acceso á oficina virtual polos reiterados intentos de entrada na mesma. A Administración atribuíu o bloqueo ó “proveedor de internet” do Igape e indicou que estaba en contacto co proveedor para que desbloquease as Ips bloqueadas.

PUBLICIDADE

Desde Ingeniería Arza entenden que ante esta situación de colapso e bloqueos, sería necesario que se cancelase o proceso de solicitudes e se reabrise, con oportunidade de igualdade para tódalas empresas tramitadoras.

Valoración da Xunta
Desde a Consellería de Economía, consultada por ‘Campo Galego’ sobre esta situación, sinalan que, “en determinados momentos da xornada do mércores houbo un desbordamento dos servidores do Igape, pola confluencia no número de entradas, que foi solventado á maior brevidade posible”.

Economía sinala que o “o Goberno galego lamanta as molestias que esta incidencia puntual poido ocasionar e recoméndalle a aquelas empresas que tiveron algún contratempo, o fagan constar a través do rexistro electrónico cando presenten a súa solicitude”.

PUBLICIDADE
Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *