A Reserva das Mariñas Coruñesas e a Oficina Agraria de Betanzos emprenden unha formación específica en agricultura orgánica dirixida a profesionais en activo ou persoas con expectativas de iniciarse na actividade
A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo organiza unha formación en produción ecolóxica, en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Betanzos (A Coruña). As iniciativas desenvolveranse durante setembro e outubro en dous cursos que teñen como obxecto impulsar a competitividade no sector agrario de Galicia.
O primeiro curso versará sobre a loita e control de pragas e enfermidades na horticultura ecolóxica. Desenvolverase os días 23, 24 e 28 de setembro en varios puntos de Oza-Cesuras en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Abordará contidos como o papel dos microorganismos na saúde do solo, a cría de insectos útiles, as técnicas de control de pragas, ou as estratexias de control biolóxico.
O segundo curso abordará o manexo do solo na horticultura ecolóxica. Terá lugar os días 1, 9 e 14 de outubro. Desenvolverase en locais e explotacións de Miño, Oza-Cesuras e Paderne.
Entre as materias a impartir atópase a planificación do laboreo, a bioloxía do solo, a compostaxe ou os labores básicos para o cultivo ecolóxico.
Están dirixidos a agricultores en activo ou persoas con expectativas de incorporación á actividade agraria. A inscrición nos cursos pódese realizar na sede electrónica da Xunta. A formación inclúese no Plan de Formación ao Agro Galego 2020, organizado pola Consellería de Medio Rural.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta