PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Critican a “pésima xestión” da Consellería de Medio Ambiente na defensa dos gandeiros fronte ao lobo

A sociedade Beealia critica o que considera “pésima xestión” da Consellería de Medio Ambiente na defensa dos gandeiros fronte aos ataques do lobo aos seus rabaños.

En concreto, e malia o aumento dos ataques denunciados, lembran que o orzamento disposto pola Xunta para a promoción de medidas preventivas fronte o lobo “case nin se modificou: no ano 2017 o orzamento foi de 180.000 euros e no 2019, despois de aforrar o 2018, é de 200.000 euros”. “Dende o seu inicio a orde recibiu fortes críticas e as principais asociacións gandeiras solicitaron por primeira vez a súa derrogación”, engaden.

En canto á orde deste ano, e malia publicarse o 8 de xaneiro, denuncian que “a finais deste mes de Agosto aínda non se resolveron as axudas solicitadas no mes de xaneiro e a ampliación do prazo de xustificación ata o 11 de outubro semella unha “patada cara diante” para poder resolver en setembro”.

PUBLICIDADE

“Hai unha falta absoluta de diálogo e unha tardanza en resolver unhas axudas tremendamente necesarias para promover uns métodos imprescindibles para convivir co lobo”, critican dende Beealia.

Exemplos en Francia e recomendacións da Comisión Europea

Como exemplo no que recomendan que a Xunta debería mirarse para a xestión do lobo e dos seus conflitos coa gandería poñen o exemplo de Francia. “Resulta que alí os gandeiros mercan un cadelo e directamente (ao longo de todo o ano e sen prazos burocráticos) presentan a factura ó estado e lles devolven o 80%. Dispoñen dun equipo de técnicos de apoio especializados en métodos de prevención e en xestión de rabaños en extensivo e o estado lles paga cada ano para manter o can (penso e vacinas). E en Francia hai 500 lobos, en Galicia 800! “, explican dende a sociedade.

Por último, lembran que no mes de febreiro deste ano os Comisarios de Agricultura, Phil Hogan, e a de Medio Ambiente, Karmenu Vella, enviaron unha carta conxunta a tódolos estados membros na que animan e recomendan que se apoien as medidas preventivas con fondos europeos, cubrindo a UE o 100% dos custes dos peches e da compra de mastíns.

En concreto, a misiva di textualmente: “Ademais, o apoio a medidas preventivas, como os investimentos na compra de peches de protección ou a compra de cans de garda como investimentos non produtivos, pódese financiar a ata o 100% con fondos FEADER”.

PUBLICIDADE

“Pois a boa xestión da Consellería fai que en todos estes anos os cartos foran directamente da Xunta, sen financiación europea”, advirten dende Beealia.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *