Agaca reclama á Xunta solucións para frear os ataques e mellorar o sistema de indemnizacións. Galicia solicita revisar o nivel de protección do lobo

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) trasladou esta semana unha petición á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta urxindo a que non se ignoren os problemas derivados da presenza de lobos nalgunhas comarcas galegas, que ocasionan danos directos ao matar gando pero tamén indirectos, ao reducir a produción dos que sobreviven nas ganderías.
Recordan que se están a detectar numerosos ataques de lobo a ganderías de vacún que teñen os seus correspondentes cercados. “Os lobos comezan a pasearse preto das persoas, vixían aos animais constantemente e buscan o momento oportuno e a escuridade da noite para atacar. Basicamente, atacan e matan vacas enfermas ou preñadas e aos seus xatos máis novos”, apuntan dende Agaca.
Dende as cooperativas agrarias socias de Agaca reclaman medidas fronte a esta “superpoboación” de lobos. “O lobo en Galicia non é unha especie en perigo de extinción, senón que está en franca expansión, e débese abrir un novo sistema de conservación onde a xestión das mandas permita a convivencia e o benestar do gando e reduza os potenciais riscos para a poboación”, valoran dende Agaca. Así, solicitan que se controle esta “superpoboación” de lobos en Galicia e apuntan que esta carga de fauna salvaxe anima ó abando das pequenas ganderías e impide a extensificiación da actividade gandeira.
Á marxe das baixas que provocan os ataques dos lobos, dende as cooperativas recordan que estes ataques ocasionan outros danos. Así, apuntan que ó temer polas súa vida, as vacas están moi nerviosas, reducen o tempo de pastoreo e o consumo de alimentos, o que afecta á súa produción media e ó seu benestar.
“As vacas de leite que foron atacadas reducen moito a produción de litros/día, as vacas de carne e leite teñen máis problemas para quedar preñadas ou deixan de preñar, os xatos atacados reducen fortemente o consumo e non engordan”, sinalan. Recordan que este tipo de danos non están cubertos nin polas axudas da Administración nin polas indemnizacións dos agroseguros.
Agaca recorda que as indemnizacións actuais son insuficientes para cubrir os danos que ocasionan os ataques do lobo. “Indemnizar só o gando morto cobre unha porcentaxe moi pequena dos danos causados polo lobo, xa que se as vacas están sometidas constantemente ao estrés do lobo reducen a produción e ese dano debe ser globalmente cuberto”, apuntan dende Agaca.
Piden que os custos de manter esta fauna salvaxe sexan soportados pola totalidade da sociedade e non en exclusiva polos gandeiros. Así, urxen que os responsables da fauna salvaxe tomen de inmediato medidas e revisen o sistema de indemnización ás ganderías atacadas. Ademais, solicitan que as indemnizacións se paguen de xeito áxil.
Galicia xunto con outras comunidades con presenza de lobo no seu territorio insisten na necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e adaptalo á realidade actual en cada territorio. Así o apuntaban nunha reunión técnica celebrada esta semana en Santiago na que participaban representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.
O último censo do lobo elaborado pola Xunta no ano 2022 apunta que en Galicia a poboación se mantén estable, con 93 mandas (3 máis que as que había no 2013), cunha presenza xeral no 91% do territorio. Mentres, en Asturias supéranse as 45 mandas e en Cantabria teñen contabilizadas 20 mandas. No caso de Castela e León está aínda por rematar este censo. En base a estes datos, agardan que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial.
Na reunión tamén se abordou a necesidade de apoiar ó sector gandeiro coa convocatoria de axudas tanto para paliar as consecuencias dos ataques do lobo como para implementar medidas preventivas. Nese punto, Ángeles Vázquez insistiu en reclamar ao Goberno central a transferencia á Comunidade dos 12 millóns de euros de fondos estatais que lle corresponderían no período 2022-2024.
Vázquez recordou que están pendentes os 4 millóns correspondentes a 2024, así como que o ano pasado non se chegou a facer a distribución dos fondos entre as comunidades. Ademais, a Xunta interpuxo un recurso contencioso administrativos, que aínda non se resolveu, polo reparto de fondos de 2022, por consideralo inxusto. Pola súa banda, a Xunta destinou entre 2016 e 2023 case 8,4 millóns de euros a previr e paliar os ataques desta especie e no ano 2024 convocou distintas liñas de axudas por máis de 2,5 millóns de euros.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta