Poderán ser beneficiarias destas subvencións as pequenas e medianas empresas -incluídas as persoas autónomas- deste sector radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen produtos de orixe forestal. Tamén as súas organizacións

A Consellería do Medio Rural destina un total de 2,5 millóns de euros ás axudas de apoio ás actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, á excepción de produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. O prazo para a súa presentación permanecerá aberto desde hoxe ata o 31 de outubro de 2022, ou ben, ata o esgotamento dos fondos asignados se se produce antes desta data.
Os beneficiarios destas subvencións poden ser pequenas e medianas empresas, incluíndo persoas autónomas. Poderanse atender proxectos, gastos e investimentos que se veñan realizando en Galicia dende o 2021 e que se xustifiquen, como tarde, o 31 de maio de 2023. O orzamento para este ano é de 1.000.000 de euros e para o 2023 de 1.500.000 euros.
Tamén poderán solicitar as achegas as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Liñas de subvención e importes
As actividades subvencionables están divididas en dous grandes bloques. A liña 1 de ecoinnovación está dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén busca impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais.
A liña 2 está dirixida a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto -de interacción con administración pública ou proceso de fabricación, por exemplo- ou de xestión integral -ERP, CRM e similares- especificamente deseñados ou adaptados a unha fase dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e mellora dos procesos produtivos. Os sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e mantemento preventivo poden ser algúns exemplos deste bloque.
O importe máximo da subvención será do 70% do gasto subvencionable, cun límite máximo de 70.000 euros por beneficiario e un gasto mínimo subvencionable de 7.000 euros. Na Liña 2 de dixitalización, esta porcentaxe verase incrementada ata o 80% do gasto subvencionable cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados nesta páxina, ou para aqueles proxectos de trazabilidade nos que se graven as transaccións na plataforma Fortra.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta