O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as dúas ordes de subvencións destinadas a paliar o impacto causado por ambas especies sobre o sector agrogandeiro
A Xunta de Galicia convocou hoxe as axudas para paliar os danos que provocan o lobo e o xabaril sobre o sector agrogandeiro, dotadas dun orzamento global de 2,06 millóns de euros. Estes incentivos poderán solicitarse a partir de mañá, 18 de xaneiro.
En concreto, o Diario Oficial de Galicia publicou, por un lado, a orde na que se establecen as bases reguladoras das subvencións para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para 2024. Cun orzamento asignado de 612.724 euros, estas axudas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.
Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable.
A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación.
Esta convocatoria inclúe tamén un importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias), que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros (para vacas de entre 2 e 6 anos).
Por outra banda, cómpre subliñar que hoxe tamén se publicou no DOG outra orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas.
Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2023 e o 10 de outubro deste ano e a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, variando o importe en función da superficie danada.
Por último, cómpre indicar que hoxe tamén se publicou unha nova convocatoria de axudas por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinadas a previr os danos producidos por determinadas especies de fauna silvestre, concretamente, o lobo, o xabaril e o oso.
Neste caso, o orzamento global previsto suma 1,51 millóns de euros co seguinte detalle. A maior partida, 1 millón de euros, resérvase para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada fronte ao lobo. No caso do xabaril, a dotación da convocatoria ascende a 490.000 euros, e para prever os danos ocasionados polo oso, o orzamento é de 20.000 euros, partidas destinadas, en ambos casos, a sufragar a compra de pastores eléctricos.
En canto aos importes, os límites establecidos na propia orde son de ata 300 euros por can protector adquirido e de 200 euros para manutención —cun límite de 3 animais por explotación—; un máximo de 600 euros para a compra de ata 3 pastores eléctricos; e ata 800 euros por explotación para a compra de, como moito, 8 mallas electrificadas.
Estas axudas para a prevención dos danos que causan o lobo, o oso e o xabaril nas explotacións agrícolas e gandeiras da Comunidade poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 19 de febreiro.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta