PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Conta atrás para a saca de tres millóns de toneladas de madeira queimada

O sector forestal xa iniciou a venda de lotes afectados polos incendios nun intento de evitar a súa depreciación. O impacto de posibles pragas tamén preocupa, sobre todo na zona fronteiriza con Portugal, de especial vixilancia polo nematodo do piñeiro

Madeira afectada polos lumes do 2006 aínda en pé ao lado da autopista A-9, en Santiago.

En Galicia arderon este ano máis de 60.000 hectáreas -49.000 en outubro-, das que arredor de 30.000 estaban arboradas. É o peor dato da última década, desde os lumes do 2006 (95.000 hectáreas) e deixa unha situación preocupante no monte. Hai alomenos uns tres millóns de toneladas de madeira afectada polos lumes pendente de saca, un 35% de que todo o que se procesa nun ano normal en Galicia. Se non se corta en cuestión de meses, perderá valor e creará riscos fitosanitarios para o monte.

Os propietarios forestais están concienciados sobre o problema e xa hai comunidades de montes veciñais que iniciaron a venda dos lotes queimados. “O prioritario é sacar a madeira de piñeiro, sobre todo a de serra, que se pode azular no monte e perder valor, pero loxicamente, cando se vende un lote, o ideal é vender en conxunto madeira de serra e de trituración” -explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia.- “O eucalipto, se non tivo unha afección moi seria, pode aguantar máis, pero o piñeiro de serra en seis meses pode depreciarse ata a metade de prezo”, calcula.

“O prioritario é a extracción do piñeiro, que en seis meses pode perder ata a metade de prezo” (Xosé Covelo, Asociación Forestal de Galicia)

PUBLICIDADE

Desde a Asociación Forestal de Galicia están en contacto co sector industrial e madeireiro para tratar de que se manteñan os prezos de mercado, así como para pedir prioridade na corta da madeira queimada. “Sempre que hai madeira queimada, pode baixar o prezo uns 3-4 euros por tonelada, xa que hai un desperdicio maior, imos dicilo así, pero non debería baixar máis. Outra cuestión é que se hai moita madeira de diámetro pequeno, tire para abaixo o prezo medio do conxunto do lote. De feito, interesa que esa madeira pequena teña aproveitamento comercial no posible, pero a madeira boa tense que pagar ben”, defende Xosé Covelo.

Coa madeira non comercial e cos restos de corta, a Asociación Forestal lembra a conveniencia de trituralos sobre o terreo, a fin de crear no solo un acolchado que reduza a erosión de terra e cinzas.

Posición da industria
Ana Oróns, a secretaria xeral de Confemadera Galicia, a patronal galega da madeira, está de acordo no mantemento de prezos da madeira queimada. “Hai un compromiso da cadea da madeira para o mantemento de prezos en función de calidades e usos. Estamos a disposición dos propietarios. Agora ben, non somos os propietarios da madeira. Animamos ós propietarios particulares a que contacten coas empresas de aproveitamento forestal ou con asociacións de propietarios para extraer esa madeira do monte o antes posible. É necesario sacala tanto para non perder calidade como para evitar pragas ou enfermidades”, subliña.

“Hai un compromiso da industria para priorizar a saca da madeira queimada e para manter prezos” (Ana Oróns, Confemadera Galicia)

PUBLICIDADE

Desde Confemadera son conscientes de que o minifundio provoca en ocasións que haxa propietarios que non son coñecedores da ubicación exacta das súas fincas, o que leva a que no monte exista aínda madeira queimada dos lumes do 2006 e tamén dos últimos anos.

Outro problema ó que alude Ana Oróns é a dificultade que xera a burocracia dos permisos de corta, sobre todo en zonas con afección de Patrimonio, Confederación Hidrográfica e outros organismos sectoriais. “Poden pasar meses ata ter un permiso. É un problema que nos limita bastante e que representa unha dificultade para sacar a madeira en prazos curtos”.

Área de vixilancia espacial do nematodo
Por cuestións sanitarias, a maior prioridade de extracción de madeira sitúase na franxa de 20 quilómetros máis próxima á fronteira con Portugal. Os casos de nematodo do piñeiro que hai no país veciño e os dous detectados en Galicia nas Neves e Salvaterra obrigan á saca de toda a madeira decaída ou queimada antes de cada primavera, unha tarefa que este ano se presenta titánica.

PUBLICIDADE

A Asociación Forestal de Galicia apunta a necesidade de que tanto as industrias como a Administración prioricen as accións no entorno da fronteira. “Hai que sacar toda esa madeira antes de que comece na primavera a época de voo do insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus’. Teñen que axilizarse os permisos de corta e mobilizar non só a madeira comercial senón tamén a non comercial”, lembra Covelo.

Ver todas as noticias de forestal

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *