PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Constituidas en Galicia as primeiras Sociedades de Fomento Forestal (Sofor)

Medio Rural informa da creación de dúas no 2014 e da aprobación de tres no 2015, unhas cifras que considera un éxito, en tanto a oposición cualifícaas de fracaso

O monte en Galicia presenta unha alta parcelación.

En Galicia, o minifundio do monte é un problema que dificulta a xestión e o aproveitamento forestal. Hai preto de 700.000 propietarios de monte, cada un con parcelas dispersas que rondan de media os 2-3 ferrados. Esa situación tratouse de correxir desde administración galega coa promoción no 2012 das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), un instrumento que permite a agrupación de propietarios forestais para facer un aproveitamento conxunto das súas terras. Polo de agora, constituironse dúas Sofor no 2014 e hai tres aprobadas no 2015, segundo os datos de Medio Rural.

O secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto detallou no Parlamento as cifras e perspectivas das Sociedades de Fomento Forestal. No 2013, Medio Rural recibiu unha solicitude para a creación dunha Sofor, no 2014 recibiu tres –das que dúas creáronse formalmente-, e no que vai do 2015 tivo cinco solicitudes, das que tres están aprobadas. Fernández Couto considerou como un “éxito” o desenvolvemento que están experimentando as Sofor e lembrou que este ano convocáronse axudas para a súa creación e consolidación por importe de 232.000 euros.

Fiscalidade
Pola súa banda, os grupos da oposición tildaron de “fracaso” o modelo das Sofor e advertiron de que non eran de interese dos propietarios forestais pola fiscalidade “perxudicial” que presentan. “O propietario que se integre nunha Sofor ten que facer fronte a uns impostos medios do 33% pola corta de madeira, en tanto o propietario individual a pouco máis do 8%”, sostivo o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez.

PUBLICIDADE

“O modelo de Sofor tivo nove solicitudes en tres anos. As Uxfor, 45 en 6 meses” (Antón Sánchez)

Desde Alternativa Galega de Esquerda solicitaron a recuperación da figura das Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), un instrumento de ordenación do monte que fora impulsado polo Goberno bipartito no 2008 e logo desbotado polo Partido Popular. “As cifras son claras. O seu modelo de Sofor tivo nove solicitudes en tres anos. Coas Uxfor, recibíronse 45 solicitudes en 6 meses”, comparou Sánchez.


Participación dos propietarios

O grupo popular incidiu en que a participación nas Sofor era voluntaria por parte de todos os propietarios, en tanto as Uxfor podían poñerse en marcha cunha maioría ampla de propietarios, obrigando ós demais a sumarse, un “intervencionismo” co que o Pp sinalou que non estaba de acordo.

Desde a oposición, sen embargo, defenderon o modelo de intervención das Uxfor: “É o mesmo que pasa coas reestruturacións parcelarias (antigas concentracións parcelarias) que veñen de aprobar no Parlamento. Se hai máis dun 70% dos propietarios que apoian unha parcelaria, esta faise”, defendeu Sánchez. O Psoe, pola súa banda, sinalou que o modelo das Sofor podía convivir co das Uxfor. Tanto o Psoe como o Bloque estiveron de acordo na iniciativa de Alternativa Galega de recuperar as Uxfor, unha proposta que foi rexeitada polo Pp.

PUBLICIDADE
Ver todas as noticias de forestal

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *