
O prezo da terra agrícola, tanto para compra como para alugueiro, é un factor decisivo para a competitividade das explotacións agrícolas e gandeiras. A futura PAC, coa súa aposta decidida por medidas ambientais e pola redución da carga gandeira, reforzará este papel competitivo que suporá ter máis ou menos base territorial.
Neste sentido, a oficina estatística europea, Eurostat, publicou recentemente un estudo sobre os prezos da terra agrícola na Unión Europea e no que se constata a forte diferenza de prezos que existen entre estados e mesmo entre rexións.
Así, por países o prezo de terra cultivable máis elevado atópase en Holanda, cun prezo medio da hectárea de 63.000 euros, con datos do ano 2016. Pola contra, Romanía é o Estado da Unión Europea onde é máis barato comprar terra agrícola: unha media de 1.958 euros a hectárea. España sitúase nun lugar intermedio, cuns 10.000 euros por hectárea.
E a nivel rexional as disparidades son enormes, mesmo dentro de cada país. Así, a rexión co prezo da terra arable máis caro da UE é Liguria, no norte de Italia, con 108.000 euros por hectárea. Pola contra, a hectárea de terra cultivable era a menos custosa na rexión de Yugozapaden, en Bulgaria, con 1.165 euros de media.
No caso de Galicia o prezo medio da hectárea en 2016 foi de 17.323 euros por hectárea, case o dobre que a media española, e cun encarecemento do 4,6% respecto de 2015, segundo os datos de Eurostat. Resulta paradoxal este prezo tendo en conta que é unha das rexións europeas con menos Superficie Agraria Útil (SAU) -non chega ao 25%- e con máis terras en estado de abandono.
O nivel dos prezos da terra depende dunha serie de factores nacionais (lexislación), rexionais (clima, proximidade ás redes viarias) e locais (calidade do solo, pendente, drenaxe, etc.), así como da oferta e da demanda do mercado.
Neste sentido Francia é un claro exemplo de intervención pública, a través das chamadas SAFER, para controlar non só o uso da terra senón tamén o seu prezo, freando a especulación e priorizando o uso agrogandeiro da terra.
Así, o prezo media das terras agrícolas en Francia é 6.060 € / ha en 2016, no rango inferior en Europa, e moi inferior aos países da súa contorna, como España, Alemaña, Italia ou Bélxica, a iguais calidades agronómicas do terreo.
Por outra banda, e segundo os datos dispoñibles, o maior crecemento no prezo da terra cultivable entre 2011 e 2016 observouse na República Checa (onde os prezos se triplicaron), Lituania, Estonia, Letonia e Hungría (onde o prezo se duplicou).
En case todas as rexións, a terra cultivable era máis cara de comprar que os pasteiros permanentes (máis de 20 veces máis nas illas gregas de Voreio Aigaio). Do mesmo xeito, a terra cultivable irrigable era máis custosa que a terra cultivable non irrigable (seis veces máis na Rexión de Murcia en España).

Do mesmo xeito que o prezo da terra cultivable, o prezo anual de alugueiro dunha hectárea de terra agrícola (terra cultivable ou pasteiros permanentes) varía moito dun Estado membro a outro, así como dunha rexión a outra. outro dentro do mesmo Estado membro.
Así, segundo os datos de Eurostat, o aluguer dunha hectárea de terras de cultivo foi o máis caro nos Países Baixos (791 euros por ano de media), e a media rexional máis alta observouse en Flevoland (Holanda), onde foi case o dobre da media nacional (1.536 euros por ano). En Francia sitúase nunha media de 200 euros a hectárea.
Os alugueres máis baixos rexístranse en Letonia (46 euros por hectárea por ano), mentres que as rexións da UE como o aluguer máis barato eran as rexións suecas de Mellersta Norrland e Övre Norrland (28 euros por hectárea por ano nestes dous casos). En Galicia estímase que supera os 300 euros a hectárea, superior á media española, situada nuns 180 euros.
Por analoxía cos prezos da terra, era máis barato alugar pasteiros permanentes que terras cultivables.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta