PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Como se xestiona o aproveitamento madeireiro das frondosas en Francia?

O país galo corta 51 millóns de metros cúbicos de madeira ó ano, dos que un 45% son frondosas caducifolias e o resto coníferas. O seu obxectivo é aumentar o aserrado de madeira para produtos con valor

Fabricación de tarima en madeira de carballo en Francia.

As frondosas caducifolias son un dos capítulos pendentes do monte galego, pois en Galicia propietarios e industrias están enfocados no eucalipto e nas coníferas, malia que un terzo do monte galego é de frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, castiñeiros, etc.). Co obxectivo de coñecer como se traballan as frondosas noutros países europeos, a Axencia Galega da Industria Forestal desenvolveu recentemente un congreso sobre frondosas en Lugo. Analizamos a continuación o caso francés, que expuxo no evento Veronique Vela, do Ministerio de Agricultura galo.

Francia preséntase como un pais moi castigado polo cambio climático e todo tipo de pragas, onde a mortalidade das árbores aumentou ata o 80% entre o 2005 e o 2021, cunha baixada bruta da produción biolóxica do 4%. É un panorama que preocupa de cara ó futuro, se ben polo de agora a actividade de corta e industrial mantense consistente, cun crecemento do 9% no periodo 2015-2021 en comparación co periodo 2009-2015.

Parqué reutilizable en madeira de carballo.

Parqué reutilizable en madeira de carballo.

As cortas de madeira en Francia sitúanse no entorno dos 51 millóns de metros cúbicos, correspondendo o 45% a frondosas e o 55% a coníferas. Nos aserradoiros, sen embargo, só un 15% dos produtos aserrados correspóndense a frondosas, principalmente carballo, faia e álamo.

PUBLICIDADE

Os obxectivos do goberno francés céntranse no apoio á industria da transformación, coas seguintes liñas estratéxicas:

  • Sistemas de construción en madeira. Estanse apoiando proxectos de innovación das industrias para impulsar un consumo adicional de frondosas, en proxectos como, por exemplo, o dun parqué de carballo reutilizable ou unha liña de paneis de álamo para interiores. Quérese valorizar o carballo, a faia e o álamo na construción.
  • Biomasa de calor para a industria da madeira. O 75% dos aserradoiros de frondosas xa teñen secadeiros, pero nos de coníferas a porcentaxe é menor. Cómpre ademais facer a transición de sistemas de combustibles fósiles a sistemas de biomasa.
  • Innovación en produtos en madeira, no contexto da bioeconomía. Ata o 2030, quérese aumentar entre un 25 e un 50% o consumo de madeira na construción. En paralelo, quérese optimizar o uso do recurso, introducindo no sector da embalaxe novas especies forestais e calidades secundarias.

O bosque de Francia en números

  • Francia conta con 17 millóns de hectáreas de bosque, das que un 75% son privadas e o 25% públicas.
  • No monte privado, un 11% dos propietarios (persoas físicas e sociedades xurídicas) -330.000- é propietaria do 75% das terras. Os restantes 3 millóns de propietarios repártense o outro 25% das terras privadas.
  • O 75% da superficie do bosque é de frondosas caducifolias e o 25% restante de coníferas. En volume de madeira, as frondosas representan o 65% do bosque francés.
  • Francia corta cada ano 51,4 millóns de metros cúbicos de madeira, algo máis de 5 veces do que vén cortando anualmente Galicia.
  • O país conserva unha cadea industrial de 1.300 aserradoiros, dos máis de 10.000 que chegou a ter.
  • Ver todas as noticias de madeira

    Publicacións relacionadas

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *