
O Deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a II Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrará o vindeiro sábado, 14 de maio, en San Román de Cervantes. A institución provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega de 2.000 euros.
Rivera Capón destacou que presentar a segunda edición esta feira que volve “despois de dous anos tan duros de pandemia é unha gran noticia porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”. Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explicou o deputado, porque no 2019 recuperárase despois de que non se celebrara dende o ano 1985. “Isto é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”.
Nas súas palabras eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible a feira, como son o Concello e Territorio Verde, pero tamén os gandeiros e gandeiras, unha peza fundamental para o éxito da cita. “Parabéns polo voso compromiso e polo voso traballo para sacar adiante esta feira, coa que colaboramos dende a Deputación de Lugo, porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, estratéxico para a nosa provincia”, recalcou.
Con esta iniciativa promovida pola Asociación Territorio Verde, recuperouse no 2019 unha feira tradicional de cabezas de vacún que non se celebraba no Concello de Cervantes dende o ano 1985.
Nesta segunda edición haberá tanto exposición como venda de animais. Participarán máis de 160 cabezas na feira de máis de 60 gandeiros e gandeiras, unha cifra superior á da edición anterior. Ademais, haberá máis diversidade de animais, xa que ademais de gando vacún, tamén haberá cabalos, cabras ou ovellas.
A organización pretende volver a poñer en auxe o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando, un feito que revaloriza os prezos e dá peso a este sector que é vital para a Montaña lucense.
A feira celebrarase ao aire libre en San Román de Cervantes durante todo o día, aínda que os principais actos serán en horario de mañá. Haberá exposición de gando e importantes premios para os mellores exemplares. Contarase con postos de polbo, máis de 20 postos de artesanía e produtos locais, e exposición e venda de maquinaria agrícola.
08:00 horas: Recepción de gando e recollida de credenciais
10:00 horas: Votación do xurado
12:00 horas: Poxa de novelas de ACRUGA
13:00 horas: Entrega de premios
Premios
– 1º, 2º e 3º premio á mellor vaca Rubia Galega
– 1º, 2º e 3º premio á mellora vaca Asturiana de Los Valles
– 1º, 2º e 3º premio á mellor Novilla Rubia Galega
– 1º, 2º e 3º premio á mellora Novilla Asturiana de Los Valles
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor touro Rubio Galego
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor touro Asturiano de Los Valles
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor novillo Rubio Galego
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor novillo Asturiano de los Valles
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor Conxunto Gando Galego
– 1º, 2º e 3º premio ao mellor Conxunto Gando Asturiano de Los Valles
– 1º premio a gandería con maior número de reses presentadas
– Tamén haberá 10 premios aos mellores xatos carniceiros
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta