O Auditorio Mar de Vigo acolle onte e hoxe esta misión comercial inversa, organizada pola Cámara de Comercio de Vigo e a Zona Franca, na que compradores de Bélxica, Holanda, Alemaña, Polonia e Reino Unido realizarán un total de 570 catas de viño

Case corenta adegas da D.O. Rías Baixas mostran desde onte os seus mellores produtos na misión comercial inversa de viños organizada pola Cámara de Vigo e a Zona Franca, en colaboración coas Cámaras de Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, e a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo e José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Vigo, acudiron onte á inauguración deste encontro europeo no que participan unha quincena de importadores do sector procedentes de Bélxica (3), Holanda (2), Alemaña (5), Polonia (2) e Reino Unido (3).
Durante a súa intervención, Teresa Pedrosa resaltou que é unha satisfacción ver o bo resultado que están a ter estas misións comerciais xa que “grazas a elas vemos como empresas de Vigo triunfan noutros países”.
Pola súa banda, José García Costas encomiou o gran traballo de internacionalización que están a facer as empresas dedicadas ao sector vitivinícola, lembrando que “as exportacións desta denominación representan un 28% da súa produción, unha porcentaxe que se traduciu en 28 millóns de euros en 2014”.
O Auditorio Mar de Vigo está a ser o epicentro deste encontro, que se dividiu en dous días para facilitar a participación de máis adegas. Así as cousas, 19 empresas foron as encargadas de abrir o tempo de catas en reunións de aproximadamente 15-20 minutos. Os compradores van pasando por cada unha das mesas situadas no recinto e anotando as súas impresións con cada proba. As catas levaránse a cabo de 9:00 a 16:00 horas aproximadamente cun receso para un breve xantar. Durante a tarde, os importadores poderán solicitar a visita a algunha das adegas participantes nesta misión comercial.
Hoxe será a quenda das 19 empresas restantes, polo que está previsto que durante os dous días realícense un total de 570 catas. Para facilitar o traballo dos compradores, facilitóuselles un Libro de catas, cos principais datos de cada peme galega e espazo para tomar nota sobre cada viño. Cabe lembrar que se trata de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, procedentes das subzonas de Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla. Segundo os datos que manexa o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, das 170 adegas que se integran na mesma, 89 xa están en plans de exportación. Estes viños véndense xa a máis de 60 países, principalmente a Estados Unidos (45,8 %), seguido de Reino Unido (15,4%), Alemaña (10,9%), Holanda (5,8%), Porto Rico (4,5%), México (4,4%), Irlanda (2,5%), Suíza (2,4%), Noruega (2,2%) e Suecia (2%). Ademais, desde o ano 2000, as exportacións dos viños Rías Baixas crecen a unha media anual de máis do dobre que os brancos envasados españois.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta