PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Caída xeral da actividade na cadea forestal madeira no 2023

As cifras do sector entre xaneiro e outubro apuntan a un descenso das cortas de arredor do 15% a fin de ano. A segunda transformación da madeira é o único segmento que se prevé que repita as cifras de facturación do 2022, en tanto baixan taboleiro e pasta de papel, aserrado e biomasa

Presentación do informe anual da cadea forestal madeira.

O consumo de madeira baixou a nivel internacional no último ano, un escenario que se acompañou dunha caída de prezos en coníferas e pasta de papel (eucalipto). Ese contexto negativo reprodúcese en Galicia, onde as cifras da cadea forestal madeira amosan unha ralentización xeral de cortas e facturación, como xa se viña constatando nos últimos meses. A excepción na comunidade é o sector da segunda transformación da madeira, que se mantén, en boa medida polo bo comportamento dos produtos de madeira para construción, un nicho que compensou a baixada do mobiliario e carpintería.

As cifras provisionais do 2023 da cadea forestal madeira de Galicia presentáronse onte nun acto en Santiago, organizado pola Consellería do Medio Rural. A elaboración do informe anual da cadea, como outros anos, correspondeu á Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. “Este ano, a previsión é que a facturación da cadea forestal madeira ronde a final de ano os 2.400 millóns de euros, uns 300 millóns menos que o ano pasado”, apuntou como conclusión xeral o director da Escola, Juan Picos.

A menor actividade deixouse sentir en especial nas cortas e na primeira transformación da madeira (aserrado, taboleiro e pasta). Cos datos de cortas a 31 de outubro, a previsión é que as cortas finais do ano conclúan no entorno dos 9,5 millóns de metros cúbicos, cunha baixada de arredor do 15%, en comparación cos algo máis de 11 millóns de metros cúbicos do pasado exercicio.

PUBLICIDADE

Por especies, baixaron tanto os piñeiros como o eucalipto, se ben o descenso das cortas foi máis significativo nos piñeiros, que poden rematar o ano cunha caída do volume de cortas próxima ó 25%, en tanto o eucalipto rondará o 12% de descenso.

A nivel territorial, a redución dos aproveitamentos deixouse sentir en tódolos distritos forestais. Cos datos provisionais a 31 de outubro, en eucalipto, destaca a baixada de Santiago – Meseta interior e da Mariña lucense, en tanto en piñeiro o descenso principal produciuse en Lugo – Sarria.

Contexto xeral
Os datos de Galicia correspóndense co contexto xeral de mercado en Europa, marcado pola baixada de consumo e de prezos da madeira. Calcúlase que o consumo xeral de madeira aserrada, en especial de coníferas, baixou un 2%, con casos como o alemán, que se sitúa nunha caída do 14%. Hai tamén un descenso claro do mercado de embalaxe e palets, que en Galicia é fundamental para o sector do piñeiro.

Entre tanto, no eucalipto, os prezos da pasta de papel desplomáronse este ano. Dos máis de 800 euros / tonelada ás que cotizaba a pasta de papel hai un ano pasouse ós 477 euros / tonelada do terceiro trimestre do 2023.

PUBLICIDADE

A boa noticia é que tanto en piñeiro como en eucalipto hai motivos para un moderado optimismo. En eucalipto, o prezo da pasta de papel xa comezou a repuntar no último trimestre do ano, e a previsión de Ence é que no 2024 se continúe esa senda, cos prezos avanzando cara ós 600 euros / tonelada de pasta.

En coníferas, a análise de Juan Picos subliña as perspectivas positivas da madeira para construción no 2025, de recuperarse a ralentización xeral que houbo na construción en Europa nos últimos meses. En Estados Unidos existe xa unha tendencia de mellora no consumo de coníferas para construción.

Por parte galega, a Consellería do Medio Rural lembrou que a partir do 2024, introducirase progresivamente en Galicia unha porcentaxe de edificacións estruturais en madeira na obra pública, ata chegar ó 20%, un camiño que se agarda que siga tamén no futuro a iniciativa privada.

PUBLICIDADE

O camiño de futuro, gañar peso na transformación da madeira

As cifras de facturación do sector no 2023 deixan un dato para a reflexión. Nun contexto xeral de caída de actividade, o único segmento que mantivo cifras foi a segunda transformación da madeira, que se move nuns 600 millóns de euros, un 25% da facturación total da cadea. O resto de segmentos sufriron baixadas significativas, tanto os rematantes como a biomasa e o aserrado, así como o taboleiro e pasta de papel,

É de destacar, ademais, que mobiliario e manufacturas da madeira foron gañando peso nas cifras de exportación, ata representar o 25% do total (polo 5% que tiñan a mediados dos anos 90).

Ante esas cifras, o conselleiro do Medio Rural, José González, subliñou que o camiño pasa por “traballar para darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións en Galicia”. Para iso, cómpre compoñer unha folla de ruta clara e concreta para os seguintes anos, sinalou, en alusión á elaboración do Plan estratéxico da industria forestal-madeira.

Na mesma liña, proximamente espérase unha declaración sectorial a prol do peche dos ciclos industriais da madeira en Galicia.

Valor das árbores galegas
Máis alá das cifras anuais, o informe anual da cadea introduce este ano a novidade de facer un cálculo sobre o valor das árbores existentes nos montes galegos (1,4 millóns de hectáreas). O cálculo, seguindo unha metodoloxía establecida a nivel ministerial, tivo en conta non só o valor da madeira, senón os valores ambientais (captura de carbono, control da erosión, reservorio de auga, lecer, caza, biodiversidade, etc.). A conclusión é que o bosque galego ten un valor de 43.000 millóns de euros.

Desa cantidade, o principal valor é aportado polas frondosas (17.700 millóns de euros), que son tamén as que maior superficie ocupan, con máis de 600.000 hectáreas. Se ben a nivel industrial, o seu aproveitamento é escaso, con arredor de só o 3% das cortas anuais, os seus aportes como leñas domésticas e sobre todo, os seus aportes ambientais, depáranlle ese primeiro posto en valor.

En segunda posición, sitúase o eucalipto, con 16.500 millóns de euros, e en terceira posición as coníferas, con 8.700 millóns de euros.

Récord de cortas do 2022

As cifras finais do 2022 sitúan as cortas en Galicia en 11 millóns de metros cúbicos, o que constitúe un récord. Desa cifra, máis de 10,7 millóns corresponden a montes privados (particulares ou veciñais) e a parte restante a montes de xestión pública.

Por especies, en montes privados destaca o eucalipto, con 6,2 millóns de metros cúbicos, seguido dos piñeiros, con 4,25 millóns e das frondosas, con arredor de 300.000 metros cúbicos.

Entre os piñeiros, hai case empate entre o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), pois ambos rondan os 2 millóns de metros cúbicos, cunha lixeira vantaxe para o piñeiro do país. Hai tamén 155.000 metros cúbicos de piñeiro silvestre, característico da alta montaña, e 70.000 doutras coníferas.

A continuación, lístanse os 20 concellos galegos onde máis cortas se producen. Destaca o dato de que só o concello de Ortigueira ten máis cortas que comunidades autónomas enteiras, como Aragón (211.000 metros cúbicos) ou Extremadura (203.000 metros cúbicos).

top 20 cortas

Ver todas as noticias de madeira

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *