Con motivo da Semana Santa, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca só celebrou as poxas de cebados e vacas, que presentou oscilacións no prezo do vacún maior
A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou, este martes, baixadas nos prezos dos becerros carniceiros e oscilacións nos do vacún maior. Cabe destacar que, como xa estaba previsto, non se celebraron as poxas da recría.
En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 320 animais, dos cales 295 foron adxudicados.
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 565 euros, é dicir 224 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais tamén diminuíron o seu valor 157 euros, ata os 911 euros. Mentres, as femias aumentaron en 161 euros e quedaron nun valor medio de 878 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.133 euros de media os machos (-17 euros) e a 903 euros as femias (+28 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron o seu valor 215 euros ata conseguir un prezo de referencia de 922 euros.

No vacún maior houbo oscilación de prezos. Nas categorías extra (-96 euros) e primeira (-3 euros) houbo baixadas, así quedaron cun prezo medio de 2.098 e 1.127 euros, respectivamente. Pola contra, nas categorías segunda (+2 euros) e desfeito (+37 euros) houbo subas e quedaron cun valor de 772 e 465 euros, respectivamente. Os animais comercializados baixo selo Vaca e Boi de Galicia viron aumentado o seu valor medio (170 euros) con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.696 euros.
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 106 euros (cun prezo de 5,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 101 euros e cun prezo por quilo de 5,05 euros.

O mercado do ovo volve rexistrar subas en todas as categorías, menos na XL, que mantén o seu prezo en 2,83. Así os da L subiron 0,02 e quedan nos 2,36 euros; os da M aumentaron 0,05 euros e chegan a un valor de 2,20 euros e, finalmente, os da S subiron 0,04 e alcanzan os 1,89 euros.
O prezo do coello mantense igual e está nos 2,35 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta