PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Baixada na recría frisoa en Silleda e suba dos cruces industriais

Os becerros frisóns de recría rexistran unha nova baixada de prezos na Central Agropecuaria de Galicia. Nos cruces industriais houbo subas, ó igual ca nos becerros carniceiros. Tamén soben os porcos e os ovos

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada dos prezos dos becerros de recría de raza frisoa, mentres que nos animais de cruces industriais houbo subas tanto na recría como nos carniceiros. A tendencia do vacún maior foi á baixa esta semana. Nas mesas de cotizacións, o porcino sobe tanto no porco cebado como nos leitóns. Tamén se produciron incrementos nos prezos dos ovos.

No referido á recría, os becerros de raza frisoa rexistraron unha baixada xeral das cotizacións. Nos animais de menos de 20 días o prezo reduciuse en 2 euros, ata os 61 euros. Na sección de entre 20 e 50 días, a máis numerosa e representativa, o prezo situouse en 80 euros, 4 euros por debaixo do acadado a feira pasada. Os becerros de máis de 50 días foron a única excepción da xornada e rexistraron un incremento dos prezos de 7 euros para situarse en 109 euros.

Nos becerros de recría de cruces industriais a tendencia foi á alza e a única baixada produciuse nos animais máis novos, os de menos de 20 días, que pasaron a cotizarse a 248 euros, logo dunha caída de 96 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días o prezo medio foi de 356 euros, tras un incremento de 8 euros. Nos animais de máis de 50 días a suba foi de 23 euros, para situarse en 450 euros.

PUBLICIDADE

En canto ós becerros carniceiros, nos de raza Frisoa o prezo foi de 525 euros para os machos, 10 euros por debaixo do rexistrado a comezos de mes, e logo de que a semana pasada non se contabilizaran animais nesta categoría. Nos tenreiros de razas industriais o prezo incrementouse en 77 euros con respecto á semana pasada, para situarse en 856 euros. Nas femias desta sección a suba foi de 87 euros e acadaron os 720 euros de media.

A tendencia foi á baixa no gando de vacún maior, a excepción das vacas de primeira categoría onde se rexistrou un incremento do prezo de 16 euros con respecto da semana anterior para quedar en 1.098 euros. Nas vacas de segunda o prezo reduciuse 8 euros ata os 716 euros de media e as vacas de desvelle cotizáronse a 441 euros, un euro menos que a semana pasada.

Central-Agropecuaria-Galicia-19_11_2019-Vacuno

Subas no porcino e os ovos

En canto ó porcino, as mesas de cotizacións acordaron subir esta semana os prezos tanto do porco cebado como dos leitóns. No caso do porco cebado os incrementos oscilan entre os 0,01 e os 0,04 euros, dependendo das categorías. Así, o porco cebado selecto e normal rexistraron un incremento de 0,01 euros e sitúanse en 1,465 e 1,440 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II cotízase a 1,870 euros o quilo logo dunha suba de 0,013 euros e os porcos de desvelle atópanse entre 0,79 e 0,85 euros, tras un incremento de 0,040 euros, a suba máis significativa da xornada.

Os leitóns continúan coa tendencia á alza e esta semana rexistran unha nova suba de 2 euros por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 67 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 62 euros. O prezo por quilo é de 3,35 e 3,1 euros respectivamente.

PUBLICIDADE

Os ovos tamén experimentaron un novo incremento dos prezos de 0,02 euros para case tódalas categorías. Os ovos de tamaño XL foron os únicos nos que se mantivo o mesmo prezo, cotizándose a 1,46 euros a ducia. Mentres, no resto de categorías, logo dese incremento de 0,02 euros, os prezos quedaron da seguinte maneira: a ducia de ovos da categoría L cotízanse a 1,33 euros, os da M acadan os 1,22 euros e no caso da S cotízanse a 1 euro a ducia. O prezo das galiñas de desvelle mantense sen cambios e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Esta semana tampouco houbo cambios no prezo do coello, que se cotiza a 2,30 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Galicia-19_11_2019-Porcino-

Ver todas as noticias de carne

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *