O organismo encárgase da coordinación de centros de investigación e formación da área agrogandeira e forestal, así coma das denominacións de orixe e indicacións xeográficas. Fortes críticas da oposición pola perda de orzamento e persoal

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), sucesora do Ingacal, tivo hoxe a súa presentación formal no Parlamento na persoa do seu director, Manuel Rodríguez, que expuxo as liñas de traballo do organismo ante a comisión de Agricultura. Rodríguez incidiu en que nos próximos anos apoiarase a renovación de persoal de investigación e de instalacións. Tamén se marcou o obxectivo de que os 6 centros de formación agraria dependentes da Xunta (Ribadeo, Becerreá Monforte, Guísamo, Sergude e Lourizán) estean máis vinculados ós centros de investigación, de xeito que haxa unha transferencia de coñecemento entre uns e outros.
O director do Agacal avanzou tamén que se está ultimando o decreto de artesanía alimentaria, orientado a regular ás explotacións que acometen a transformación da súa produción. Ese decreto acompañarase de normas técnicas orientadas a cada liña de alimentos.
Valoracións da oposición
Por parte da oposición, lembróuselle a Rodríguez o contexto de “desmantelamento da investigación e formación agraria” no que xurdiu o Agacal. “Ningunha persoa da Xunta veu nunca aquí a dicir que se ía cargar a investigación pública agraria e a formación, pero fixérono. Vostede ben aquí cunha declaración de intencións, pero a realidade é a que é: reduciron orzamentos, persoal investigador e recursos”, sentenciou Antón Sánchez, de En Marea.
O PSdeG púxolle números á perda de orzamento do Ingacal, o antecedente do Agacal. “No primeiro ano de Feijoo na presidencia da Xunta, no 2009, tiña un presuposto de máis de 6 millóns de euros e na actualidade está en 3 millóns de euros”, critica.
O deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’ incidiu, pola súa banda, na perda de persoal dos centros de investigación durante a última década. “Practicamente perdéronse o 50% dos efectivos dos centros de investigación, alomenos nos casos de Mabegondo e Lourizán, e o que é máis grave, estase a perder o relevo xeneracional da investigación agraria en Galicia. Tampouco hai investimentos en tecnoloxía e en Mabegondo a situación chegou a tal punto que están a pagar a luz co que ingresan da venda de leite e carne”.
En calquera caso, Rivas concluiu sinalando que lle concedía “certa credibilidade” ás intencións expostas polo director do Agacal na súa comparencia no Parlamento.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta