Medio Rural pronostica que as soltas do 'Torymus sinensis', o insecto parasitoide da praga, permitirán controlar o problema. Advirte de que é precisa unha alta poboación de avespiña para iniciar a loita biolóxica

A avespiña do castiñeiro, unha praga que se detectou por primeira vez en Galicia hai tres anos, extendeuse xa á máis da metade dos concellos da comunidade, incluíndo as principais áreas produtoras.
Medio Rural revelou hoxe no Parlamento que se ten detectado a avespiña no 56% dos concellos de Galicia: 50 municipios do centro e sur de Lugo, 76 municipios de Ourense -con excepción das zonas de montaña do leste-, 33 da Coruña e 17 de Pontevedra, sobre todo da zona oeste limítrofe con Ourense e Lugo.
Desde a Consellería, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, explicou o programa de loita biolóxica que se está a seguir contra a praga. Este ano soltáronse 133.000 ‘Torymus sinensis’, o insecto parasitoide da avespiña, e para o ano prevese incrementar esa cifra.
Fernández Couto agarda que a loita biolóxica permita un control efectivo do problema. “En Italia, país no que a avespiña produciu grandes perdas na produción de castaña, a loita biolóxica comezou 5 anos despois de terse detectado a praga. En Galicia, comezamos de xeito experimental xa desde o primeiro ano de detección”, argumentou.
O director xeral incidiu en que son precisos altos niveis de poboación da avespiña para iniciar a solta de ‘Torymus sinensis’, pois do contrario -asegura-, a poboación de ‘Torymus’ non arraigará. A parte positiva é que unha vez liberado no territorio, as sucesivas soltas representarán “tratamentos acumulativos, pois os ‘Torymus’ liberados en anos anteriores quedan aí”, subliñou Fernández Couto.
Valoracións da oposición
Desde o grupo parlamentario de En Marea, autor da pregunta sobre a situación da praga, valórase que Medio Rural non está a traballar todo o que debería no problema. “Hai zonas con niveis de infestación importantes, superiores ó 70% dos castiñeiros, como as Fragas do Eume. Temos tamén zonas de montaña de Ourense, como Manzaneda ou Vilariño de Conso nas que tamén hai praga, por moito que a vostedes non lles conste”, cuestionou o deputado Davide Rodríguez, que pediu reunións da Xunta cos afectados e un plan eficaz de loita contra a avespiña.
Estes días, un investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas xustificou na prensa os sucesivos retrasos na solta masiva de ‘Torymus sinensis’ polo seu posible impacto sobre a entomofauna autóctona. O investigador considera improbable que se autoricen soltas masivas antes do fin do 2018 ou comezos do 2019.
Desde a Red Nacional del Castaño, na que participa a IXP Castaña de Galicia, acusan a este investigador de irresponsable e advirten do dano que está a causar a avespiña tanto sobre os castiñeiros como, probablemente tamén -din- sobre os insectos autóctonos.
A Red Nacional del Castaño lembra que o ‘Torymus’ xa está liberado en países veciños, como Portugal, polo que a súa chegada a Galicia, con independencia de que se solte ou non, é cuestión de tempo. Se non hai un axeitado control da praga da avespiña e comezan as perdas no sector produtor de castaña, a Red Nacional anuncia que barallará a petición de indemnizacións.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta