A cooperativa de Agolada xa produce o 40% dos ovos certificados en ecolóxico de España. A súa produción de penso ecolóxico aumentou un 50% este ano

A cooperativa agrícola Avega, con sede en Agolada (Pontevedra), prevé empezar a comercializar carne de polo ecolóxico o próximo ano. Desta forma a empresa logrará ampliar a súa gama de produtos con este tipo de carne ecolóxica, ante a escasa oferta existente no mercado español.
Actualmente Avega produce ovos, queixos e pensos, todos eles produtos certificados en ecolóxico. A cooperativa de Agoladase converteu nos últimos anos nun referente na fabricación de pensos para gandería ecolóxica, ?unha actividade que, grazas ao incremento da demanda, alcanzará este ano unha produción de 6 millóns de quilos, o que supón un 50% máis que no 2014?, segundo informa a compañía.
Desde que iniciou en 2005 a produción de pensos ecolóxicos, Avega experimentou un progresivo incremento dos seus clientes que abarcan todas as ganderías -aviario, porcino, bovino, ovino e caprino-, excepto a alimentación para gando equino.
“Todas as nosas materias primas son 100% de cultivo ecolóxico, sen restos de pesticidas nin OMG”, comenta Lorena Vence, xerente de Avega; “a calidade dos nosos pensos é a garantía de que as nosas galiñas produzan un dos mellores ovos ecolóxicos do país”.
Así, a cooperativa galega deriva case o 50% da súa produción de pensos para autoconsumo nas súas propias granxas de galiñas poñedeiras; a outra metade comercialízase a explotacións gandeiras ecolóxicas en todo o territorio nacional e Portugal.
“Tamén fornecemos materias primas, principalmente soia e millo ecolóxico que importamos directamente, e que vendemos a terceiras empresas e fábricas de pensos para que elaboren as súas propias mesturas”, sinala Lorena Vence.
Como novidade, este ano a empresa incorporou novos formatos para a venda dos seus pensos, concretamente sacos de 10 e 25 kg, moi prácticos para pequenas explotacións e granxas de autoconsumo; a estes hai que sumar a subministración en gran formato e a granel.
Avega produce o 40% dos ovos ecolóxicos de España
A cooperativa Avega iniciou a súa actividade en 2002 impulsados pola idea de producir e comercializar ovos ecolóxicos; a día de hoxe a empresa conta con preto de 35.000 galiñas poñedeiras e unha produción de ao redor de 700.000 ducias de ovos ao ano, o que supón o 80% da produción na comunidade galega e o 40% a nivel estatal.
Queixos ecolóxicos
Polo ano 2005, Avega comeza a elaborar queixos ecolóxicos con leite procedente de explotacións onde as súas vacas só se alimentan de forraxe seca, pastoreo e pensos de cereais ecolóxicos. O volume de produción esta próximo ao 30.000 Kg ao ano. Nas ganderías non se utilizan nin herbicidas nin compostos químicos para o abono das praderías o que redunda nuns animais sans.
Instalacións
Nestes momentos, a firma conta con seis centros de traballo. A sede da cooperativa, na que están as oficinas e as instalacións da queixería, está situada en Agolada. Catro granxas para galiñas, situadas nos concellos de Silleda (Pontevedra), Palas de Rei (Lugo), Paradela (Lugo) e Entrimo (Ourense), dedícanse á produción de ovos e as instalacións situadas no concello de Rodeiro (Pontevedra) están dedicadas á produción de penso ecolóxico.
O persoal de Avega está conformado por 10 persoas ás que habería que engadir preto de 20 postos de traballo indirectos.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta