O Goberno do Principado presenta o borrador do Plan de Ordenación de Recursos Forestais. Proxecta ampliar a superficie arborada en 15.000 hectáreas nos próximos 15 anos e impulsar plans específicos para castiñeiro e carballo
O eucalipto nitens, unha especie máis adaptada á altitude e ós fríos invernais que o eucalipto globulus, estaba ata o de agora prohibida en Asturias, pero o Goberno da comunidade veciña proxecta autorizala proximamente. Así figura no borrador do Proxecto de Ordenación de Recursos Forestais presentado onte e que recibiu xa a oposición dos ecoloxistas, que se opoñen a esa autorización.
Os ecoloxistas lembran que o eucalipto en Asturias estaba limitado a plantacións na rasa costeira, a mellor zona para o eucalipto globulus, que atopa dificultades en altitudes superiores a 300 metros. Coa autorización do nitens, o eucalipto convertiríase nunha especie apta para boa parte do territorio, coa excepción da gran montaña e das restriccións en espazos naturais protexidos.
A autorización do eucalipto nitens era unha reivindicacións dos propietarios forestais asturianos, que ademais nos últimos anos están vendo como nalgunhas zonas as masas de piñeiro insigne se están a ver seriamente afectadas polos fungos da banda marrón e vermella.
En total, a previsión de Asturias é que cada ano se planten 300 novas hectáreas de eucalipto. De xeito paralelo á autorización do eucalipto nitens, o Goberno asturiano anunciou plans específicos para potenciar o castiñeiro e o carballo. O conselleiro de Medio Rural, Alejandro Calvo, apuntou que o Proxecto de Ordenación de Recursos Forestais busca crear emprego no rural, aproveitar novos nichos de negocio e fixar poboación.
En Galicia, a plantación do eucalipto nitens estaba agora permitida en todo o territorio, a excepción de espazos naturais protexidos, pero coa entrada en vigor da moratoria a novas plantacións de eucalipto, só se poderá plantar en parcelas que xa están ocupadas na actualidade por eucalipto.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta