
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso fitosanitario, emitido esta semana, extremar as precaucións para evitar danos por mildio nos viñedos. A previsión de choivas de cara ós próximos días, sumado a que numerosos viticultores deron xa o aviso por danos do patóxeno nas súas plantas, levan ós técnicos a insistir na importancia de manter vixiados os viñedos para poder actuar ante a presenza de mildio.
Os expertos tamén recordan que os acios se atopan en plena formación, un momento no que son altamente vulnerables ó patóxeno, polo que recomendan revisar as viñas o máis a miúdo posible, sobre todo se se chegan a producir tormentas ou precipitacións, así como episodios de néboa, xa que todos eles aumentan a humidade nas viñas e facilitan o desenvolvemento da enfermidade. Así, se se observan novos danos é preciso renovar o tratamento. Tamén é fundamental levar a cabo prácticas culturais no viñedo que faciliten a ventilación das plantas, o que reduce os riscos.
As condicións meteorolóxicas actuais tamén favorecen o desenvolvemento do oídio, de feito o persoal da Estación de Areeiro xa observou os primeiros acios con síntomas, especialmente naqueles predios tratados previamente con xofre e cunha vexetación moi frondosa, de modo que o produto non chegara a protexer os acios como debera. Recomendan tratar cun funxicida antioídio, que non sexa de contacto, dado que a meteoroloxía e o momento do ciclo da uva segue a ser propicia para esta enfermidade.
Polo momento, os viñedos apenas se viron afectados por outras patoloxías como o black rot ou outros parasitos da viña, aínda que hai algunhas plantas con síntomas leves de erinose de verán.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta