Unha tese doutoral realizada na Facultade de Veterinaria de Lugo amosa que a probabilidade de contaxio de doenzas como a borreliose ás persoas, polas carrachas, é elevada. Recollemos algunhas medidas de prevención para reducir os riscos

A probabilidade de que as persoas adquiran certas enfermidades transmitidas por carrachas, especialmente no caso da borreliose e rickettsiose, é “elevada” no noroeste de España.
Así o recolle a tese de doutoramento que presentou, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, a investigadora Susana Remesar Alonso, do grupo de Investigación Sanidade Animal Galicia (Invesaga), coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños.
A investigación foi publicada baixo o título ‘Dinámica de poboacións das carrachas exófilas no noroeste de España e o seu papel como vectores de axentes infectoparasitarios de importancia veterinaria e médica’. O traballo constitúe un dos estudos máis amplos dos realizados ata a data en Galicia e no conxunto da península Ibérica respecto dos patóxenos que poden transmitir as carrachas.
No estudo recolleron 7.000 carrachas en zonas de costa, montaña e meseta de Galicia ó longo de 2 anos
No estudo, dirixido polos profesores da USC Patrocinio Morrondo Pelayo, Pablo Díaz Fernández e Gonzalo Fernández Rodríguez, recolléronse 7.000 carrachas, cuxa identificación morfolóxica específica se desenvolveu mediante técnicas de bioloxía molecular. En concreto, os exemplares capturáronos en zonas de costa, montaña e meseta de Galicia ó longo de 2 anos.
Destas mostras, a investigadora conseguiu identificar 5 especies de carrachas, das que a ‘Ixodes ricinus’ é a máis habitual (99,2%) dado que as características de Galicia, con montes caducifolios, son ambientes idóneos para ela, como explican dende o equipo de profesionais que dirixiu o traballo. Xunto a esta especie tamén detectaron ‘Dermacentor marginatus’ (0,3%), ‘Dermacentor reticulatus’ (0,2%), ‘Ixodes frontalis’ (0,2%) e ‘Ixodes acuminatus’ (0,01%).
A ‘Ixodes ricinus’ foi a única carracha que conseguiron detectar en tódolos estadios de desenvolvemento e atoparon gran cantidade de ninfas, o estadio previo a se converter en adultos. As distintas técnicas de bioloxía molecular permitiron ademais detectar nesta especie distintos patóxenos. Os máis prevalentes foron ‘Rickettsia spp’ (presente nun 20,7% das carrachas) e ‘Borrelia spp’ (12,1%). Mentres que outros patóxenos como ‘Babesia spp’, ‘Anaplasma spp’ e ‘Theileria spp’, foron inferiores ó 2%.
A investigación e o análise das carrachas permitiu detectar as enfermidades que poden transmitir, algunhas delas tamén ás persoas. Así, Remesar comprobou que as carrachas eran portadoras de ‘Babesia venatorum’ e ‘Babesia microti’, que resultaron variantes que poden contaxiar enfermidades ás persoas.
Ademais, a investigadora detectou 6 xenoespecies de Borrelia que se poden transmitir ós humanos. En contreto trátase de 5 do grupo ‘B. burgdorferi’ sensu lato, relacionadas coa enfermidade de Lyme e unha do grupo das febres recorrentes (B. Miyamotoi). O traballo determinou tamén que tanto a presenza de ‘B. Burgorferi s.l.’ como ‘Rickettsia spp’ foron moi superiores nas especies ‘I. Ricinus’ procedentes da montaña e da costa.
As enfermidades derivadas da picadura da carracha teñen síntomas moi inespecíficos que fan que se confundan cunha gripe
PUBLICIDADE
Remesar comprobou tamén que unha pequena porcentaxe das carrachas das especiess I. Ricinus e I. Frontalis estaban infectadas con ‘Anaplasmae phagocytophilum’, unhas das enfermidades que adoita afectar ó gando e que tamén pode contaxiarse de animais a humanos, podendo xerar enfermidades graves. Porén, as variantes que se detectaron non adoitan pasar ás persoas.
Os principais riscos para as persoas veñen asociadas tanto da rickettsiose como da Borreliose e trátase de enfermidades que “presentan síntomas moi inespecíficos que poden ser facilmente confundidos con outras patoloxías comúns como unha gripe”, explica Patrocinio Morrondo, unha das profesoras encargadas de dirixir a tese.
Precisamente, algúns dos síntomas máis recorrentes son a febre, dolores musculares, sarabullo e nalgúns casos unha pequena inflamación no lugar da picadura, pero que non sempre se chega a producir. Isto provoca que sexa tamén máis difícil diagnosticar as enfermidades aínda que os síntomas poden ser máis graves cos dunha gripe e prolongarse no tempo.
Os resultados da investigación de Remesar inciden na necesidade de aumentar a concienciación da poboación respecto dos riscos que poden supoñer para a saúde humana as picaduras de carrachas. Recollemos a continuación algunhas recomendacións básicas para reducir os riscos ofrecidas dende o equipo de coordinación da investigación.
-Extremar as precaucións en zonas de montaña de abundante vexetación nas épocas de maior risco: a primavera, comezo do verán e no inicio do outono.
-Empregar roupa que cubra brazos e pernas cando se está en zonas de vexetación onde poida haber carrachas.
-Utilizar calzado cerrado ou meter o pantalón por dentro dos calcetíns para evitar que se introduzan as carrachas.
-Unha vez na casa quitar a roupa coa que se estivo no monte nun único punto, para evitar esparexer as carrachas por distintas zonas.
-Revisar a roupa e o corpo para detectar rapidamente a presenza de carrachas.
-Empregar acaricidas a modo de repelente como se utiliza cos mosquitos cando se acude a zonas onde pode haber carrachas.
-É preciso extraer a carracha cunhas pinzas e asegurarse de retirar a carracha na súa totalidade, incluíndo a cabeza. No caso de ter dúbidas de como facelo é recomendable acudir ó centro médico para que procedan a retirarlla.
-É aconsellable gardar a carracha para poder analizar se é portadora de enfermidades.
-Acudir ó centro médico para que o especialista valore a situación e poida estimar un protocolo de actuación e vixilancia se o considera preciso.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta