PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Advirten de que preto do 90% das solicitudes de plans de mellora poden quedar fóra nesta convocatoria por falta de orzamento

Unións Agrarias pide que se agrupe o orzamento previsto os anos 2024 e 2025 para os Plans de mellora das explotacións a fin de poder dar resposta ao volume de solicitudes presentadas nesta convocatoria, mais de 2.000, “fronte a unha dispoñibilidade orzamentaria prevista similar á do exercicio anterior e que deixaría fóra prácticamente ao 90% dos expedientes”.

Unha situación que, segundo a orzanización agraria, “suporía expulsar a moitas persoas mozas da actividade agrogandeira, que se ben recibiron un incentivo para a incorporación á gandaría, agora pode ver denegada a solicitude para poder poñer en marcha a súa granxa”.

Nun contexto no que nos próximos 10 anos 2 de cada 3 gandeiros se xubilarán, Unións Agrarias propón que “logo de concentrar os orzamentos 2024/25 se habilite unha nova partida no Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), en base a fondos que non tiveran execución, para programar unha nova convocatoria de Plan de mellora, xa que con isto evitaríamos deixar fóra a moitos solicitantes e aforraríamos tempo e burocracia evitando unha nova tramitación de expedientes”.

PUBLICIDADE

Os principais damnificados polo rexeitamento de expedientes na presente convocatoria van ser, segundo UUAA, as granxas de vacún de carne situadas en zonas de montaña e con incorporacións novas.

Ademáis, lembran que “as axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade”.

Por último, Unións Agrarias lembra que “nas axudas dos plans de mellora Xunta e Ministerio só aportan o 21% do diñeiro, xa que o 79% restante corresponde a financiamento europeo”.

Ver todas as noticias de carne

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *