Visitamos Canción de Elisa, unha adega familiar que resume o que son os colleiteiros do Ribeiro: Paixón pola viña herdada de xeracións e uns viños únicos e de edición limitada

Os viños de Canción de Elisa son froito da perseverancia e da ilusión de Duvi e Marino por elaborar un viño de excelente calidade no que se reflicta o carácter e paisaxe da súa terra e das súas xentes, seguindo as ensinanzas dos maiores e na honra a avoa Elisa, a muller que dá nome á adega e aos seus viños.
Así foi como saíu ao mercado no ano 2013 “Canción de Elisa”, recuperando o espírito dos colleiteiros do Ribeiro para crear un viño que aposta pola excelencia.
E é que a historia desta pequena adega da aldea de Santo André, unha das parroquias con máis raigame vitivinícola da comarca, é unha viaxe de volta ás orixes.
Por mor da emigración dos seus pais, Duvi criouse no Ribeiro, cos seus avós maternos. Así puido coñecer o Ribeiro dos anos 60, os seus costumes, e os grandes atrancos cos que se atopaban os viticultores naquela época no coidado da viña e tamén na elaboración e venda do seu viño a granel aos compradores que viñan de Santiago, Coruña ou Vigo. Para a crianza dos viños dispoñían dunha adega no baixo da casa familiar que os seus pais fixeran grazas a emigración.
Duvi: “A avoa Elisa ensinounos a coidar as cepas e a amar a terra”
A historia continúa nos anos 70 cando Marino, leonés de orixe, e Duvi coñecéronse na emigración en Suíza. As diferentes situacións persoais fóronos levando de regreso a Santo André, onde formaron a súa propia familia. Así comezaron, compartindo a actividade profesional de cada un co coidado das viñas, os fins de semana e vacacións, contando en todo momento co apoio dunha persoa para eles moi especial: “A avoa Elisa”. “Ela ensinounos a amar a terra, como coidar cada cepa, e que traballos realizar en cada época. Lembrámola como unha muller feliz cando estaba na súas viñas”, recorda Duvi.
Paseniño, Marino e Duvi foron introducindo innovacións no viñedo poñéndoos en espaldeira para que polo menos se puidesen traballar co motocultor e replantando cepas de variedades autóctonas, sobre todo Treixadura, Albariño e Godello. A partir dos 90 deixaron de elaborar o viño e vendían as uvas a outras adegas, facendo so para autoconsumo algún coas variedades autóctonas que replantaran. Xa por entón, buscando mellorar a calidade e hixiene no viño, no 1993 mercaron unhas cubas de aceiro inoxidable onde elaborar as novas colleitas. O resultado foron uns que viños que a xente valoraba moi positivamente.
Nos seguintes anos foron acabando de reconverter o viñedo con castes autóctonas e hoxe contan con preto 1,2 hectáreas plantadas cun 80% de Treixadura, o resto Albariño e Godello, en brancos, e Caiño, Brencellao e Sousón en tintos. As Forcadas, Salgueiros, Os Carballos e Almuíña son as parcelas deste matrimonio de amantes do rural e do viñedo. “Non foi doado tomar algunhas decisións, -comentan Marino e Duvi-, e houbo momentos en que pensamos deixar de coidar os viñedos, pero pesou máis o noso desexo de transmitir o patrimonio herdado ás novas xeracións, así que no 2012 decidimos dar un pasiño máis e poñer en marcha a nosa propia adega no baixo da antiga casa/adega familiar”. “Algúns amigos dicíannos que estabamos tolos coa nosa idade lanzarnos a isto”, recoñece Duvi.
O 2013 foi a primeira colleita do “Canción de Elisa Branco”. Un ano no que tiveron que tomar moitas decisións, entre eles o nome da adega e dos seus viños, nome nos que non tiveron moita dúbida, xa que tiñan claro que levaría o da avoa Elisa, a muller que lles ensinara a amar a terra do Ribeiro. Outra decisión non menos importante foi atopar o técnico que lles asesora na elaboración do viño, e que atoparon na persoa de Pablo Estévez, do que están moi satisfeitos pola súa gran profesionalidade.
Fixeron a presentación en maio do 2014 na Feira do viño do Ribeiro, tendo unha moi boa acollida por parte daqueles que se achegaron ao seu stand a coñecelos, tanto pola calidade do seu viño, como pola novidosa etiqueta obra da deseñadora Marta Lojo que expresa un viño natural a través das volvoretas e flores e con historia propia: na contraetiqueta un poema de Duvi adicado á súa avoa e a sinatura de Marino Robles.
Trátase dunha edición limitada dunhas 6.000 botellas ao ano, que nun 80% véndese en Galicia a unha clientela fiel que valora a exclusividade deste viño, mestura de uva Treixadura, Albariño e Godello, as tres castes brancas galegas máis representativas e que nos solleiros viñedos de Santo André exprésase de forma única.
No ano 2015, animados por Pablo Estévez, sacaron ao mercado o Canción de Elisa Tinto, mestura da pequena colleita que teñen nos seus viñedos de Brancellao, Caiño Tinto e Sousón, e que nun principio estaba pensado en ser o viño para o autoconsumo da casa. A colleita varía segundo o ano: entre 600 e 800 botellas, cunha etiqueta na que os protagonistas son os paxaros, comendo as uvas que quedan no viñedo tras a vendima.
Recuperaron a tradición familiar
A adega dispón dunha sala de catas, con pinturas do artista ourensán Xosé Eladio, e cunha decoración que recupera e reutiliza elementos do seu patrimonio adegueiro. Un lugar aberto a todos os que desexen sentir as melodías do Canción de Elisa no seu fogar.
.
¿Satisfeitos do camiño percorrido? “Grazas ao noso viño coñecemos a moita xente fantástica. É un proxecto sostible economicamente e que nos permite desfrutar da terra, recuperar a tradición e non deixar morrer aquilo polo que os nosos antepasados loitaron”, responde Duvi.
Os seus fillos Lorena e Rubén bótanlles unha man e pode que nun futuro tomen o relevo e fagan seguir sonando a “Canción de Elisa”.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta