Expertos austriacos e españois exporán no certame as características produtivas destas vacas, que destacan pola súa dobre aptitude, láctea e cárnica, e polos maiores niveis de graxa e proteína no leite

A feira Cimag – Gandagro, que se desenvolverá entre o 21 e o 23 de febreiro en Silleda (Pontevedra), contará cunha xornada adicada ás razas Fleckvieh e Pardo Alpina. O acto, orientado ós gandeiros, explicará as características destas razas, que destacan pola súa dobre aptitude, láctea e cárnica, e por mellorar os índices de fertilidade e lonxevidade, en comparación coas frisoas.
O acto informativo contará con expertos e xenetistas, tanto españois coma de Austria, país de orixe da raza Fleckvieh. Está prevista a participación de Peter Kreuzhuber e Alexander Manrique, director e director de vendas de Genetic Austria; dun representante da Federación Bovina de Austria; de Jordi Tost, veterinario especialista da distribuidora de xenética Allfeed; e de Antón Barreira, responsable da empresa Ganados Barreira Bascuas, coorganizadora do acto.
A presentación contará coa presenza in situ de varias xovencas de ambas razas para dar a coñecer as vantaxes que, segundo Antón Barreira, presentan as reses de Fleckvieh e de Pardo Alpina, unha raza tamén coñecida co nome de Brown Swiss. Entre as vantaxes, Barreira destaca a mellora na fertilidade e lonxevidade, así coma a súa dobre aptitude, para carne e leite. Outro aspecto a subliñar é a calidade do leite en canto a graxa e proteínas, o cal supón que se pague máis, e tamén o índice cárnico dos animais, cunha maior ganancia de quilogramos diaria.
A demanda dos animais, que se adaptan ben ás características da Cornixa Cantábrica, está medrando no último ano e medio, segundo explica Antón Barreira, que sinala que en Galicia hai xa nas granxas aproximadamente unhas 2.000 reses destas razas.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta