A Consellería do Medio Rural asina un convenio coa Fundación Arume para lograr plantas de coníferas de alta calidade e para poñelas a disposición dos propietarios forestais e comunidades de montes

O Consello da Xunta analizou esta semana un convenio de colaboración que a Consellería do Medio Rural asinará coa Fundación Arume para impulsar a mellora xenética dos piñeiros. É un acordo que estará en vigor ata finais do 2022 e que compromete unha aportación de 140.000 euros da Xunta, para un investimento total de 200.000 euros.
O convenio divídese en catro liñas. Primeiramente, reforzaranse as liñas de investigación en mellora xenética forestal, para o que se contratará un investigador adicional que reforzará o equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Convidarase tamén a unha estancia en Galicia a un científico especialista en técnicas de mellora xenética avanzada, de cara a formar ós investigadores galegos.
En segundo lugar, porase en marcha un programa de produción vexetativa forestal das principais especies de piñeiro. A Fundación Arume ten previsto promover traballos de clonación (embriogénesis somática) e tamén se apostará pola colaboración cos viveiros galegos para obter plantas forestais a partir da técnica de estacas.
Este acordo representa un pulo para a mellora xenética das coníferas, tanto do piñeiro do país como do insigne, se ben a Fundación Arume aspira a un proxecto máis ambicioso, dun total de 4,6 millóns de euros, por medio dos fondos Next Generation, segundo explicou a entidade no mes de xullo.
O convenio da Fundación con Medio Rural complétase cunha liña orientada a promover accións forestais por parte de empresas e entidades que queiran compensar a súa pegada de carbono. Nesa dirección, a Consellería do Medio Rural favorecerá e impulsará a posta a disposición de terreos para levar a cabo esas iniciativas en montes de xestión pública, así como en parcelas forestais obxecto de desenvolvemento dos instrumentos previstos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Por último, o convenio de colaboración recolle a realización de cursos, seminarios ou obradoiros de traballo para divulgar as vantaxes económicas e ambientais que comporta o uso de material xenético de piñeiro mellorado. Son accións que se realizarán entre os titulares forestais, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira. Así mesmo, prevese a edición de folletos e a incorporación de información ao respecto nas páxinas web tanto da Fundación Arume, como da Consellería do Medio Rural.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta