
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu boletín fitosanitario desta semana da situación sanitaria dos viñedos na provincia de Pontevedra.
Durante os últimos días houbo, sobre todo nas comarcas vitivinícolas do Salnés e de Ribeiras do Morrazo, pero tamén no resto, condicións climatolóxicas favorables ao desenvolvemento do mildiu. En concreto, temperaturas mínimas de sobre 12-13 ºC as noites do 17, 18 (nalgunhas zonas), e o 20. Estas temperaturas nocturnas coincidiron con humidade foliar durante 6-8 horas nas tres primeiras xornadas mencionadas. Ademáis, durante as horas do día chegaron a acadarse os 18-20 ºC á vez que había ceos alternando nubes e claros e/ou algunhas gotas localmente. É dicir, unha climatoloxía de tipo tormentoso que favorece as contaminacións do mildiu.
As mencionadas condicións, e en realidade a climatoloxía inestable que vimos sufrindo practicamente todo o mes e que da lugar a contaminacións case continuas, tiveron o seu reflexo nas viñas: apareceron as primeiras manchas nas parcelas que aínda non tiñan manifestado a enfermidade, e tamén naquelas onde xa se aplicara o primeiro tratamento, unha situación xeneralizada en todos os viñedos e variedades.
“En ningún caso topamos síntomas en acio e as manchas eran moi recentes, con frutificación apenas iniciándose, agás nas zonas de avance a partir de manchas antigas”, precisan os técnicos de Areeiro. Outros técnicos e viticultores da práctica totalidade de comarcas informaron de idéntica circunstancia.
Por iso, porque ao longo da semana houbo precipitacións de ata 40-50 l/m que reduciron a protección dos produtos, e tamén porque as previsións meteorolóxicas seguen a anunciar tempo inestable a partir da fin de semana, a recomendación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro é aplicar un novo tratamento antes de que se produzan novas choivas, salvo que xa se aplicara nestes días e que na revisión das viñas se poida comprobar que non aparecen novos síntomas nin zonas de avance nos antigos”.
Nas xornadas seguintes á aplicación lembran a conveniencia de revisar as viñas, en especial se a fixeron con algo de vento, con humidade nas follas, ou se choveu ao pouco de finalizala. “En todos os casos, extremen a vixilancia” aconsellan.
As condicións climatolóxicas destes días son relativamente favorables a este patóxeno, pero segundo a tendencia dos últimos anos en xeral é cedo para que aparezan os primeiros síntomas. Aínda así, aconséllase incrementar a vixilancia.
Na revisión anterior os técnicos de Areeiro observaron o primeiro síntoma en dúas viñas. “Pois ben, -subliñan- esta semana notamos un incremento na presenza de síntomas nas plantas da viña abandonada do Condado e tamén aumentou o número de parcelas con algunha pequena mancha”.
A recomendación é manter a vixilancia e, nas viñas con historial desta enfermidade, poden elixir materias activas con efecto tamén fronte a este patóxeno, pero dando prioridade a aquelas que teñan efecto curativo fronte ao mildiu.
Malia humidade relativa tan elevada que temos estes días (que se mantén por riba do 80% e mesmo acada o 100% en moitos momentos), as temperaturas bastante cálidas nas horas centrais que tivemos, e as feridas causadas pola sarabia ou pedrazo que caeu localmente, os técnicos da Estación de Areeiro informande que non apareceron apenas síntomas desta enfermidade nas viñas que revisaron.
Porén, e aínda que para os dous días seguintes hai previsións de mellor tempo, lembran que de cara á fin de semana parece que volven as choivas, polo que haberá que incrementar novamente a vixilancia.
Advirten novamente do incremento de caracois e lemas, que están a deixar algunhas follas moi afectadas. Estes son animais de hábitos nocturnos que de día se poden topar nos postes, na zona entre estes e as cepas ou mesmo tamén detidos nas follas.
Nas plantas adultas non deberían causar maiores problemas, pero en plantacións novas, se a presenza de danos é alarmante, poden considerar poñer no solo algún produto autorizado en viña a base de fosfato férrico ou metaldehído, as dúas únicas materias activas que para estas pragas aparecen no Rexistro de Productos Fitosanitarios do Ministerio”, aconsellan dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta