
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar o seu aviso fitosanitario, no que fai un repaso polo estado dos viñedos na provincia e ofrece unhas recomendacións para o seu coidado. A climatoloxía que se prevé, con elevada humidade e temperaturas suaves, son claramente favorables para o mildio e o oídio, dous dos patóxenos que máis perdas provocan na viticultura, polo que é preciso extremar as precaucións.
O lado positivo é que as altas temperaturas destes días e o tempo solleiro que houbo en xeral favoreceron que nas viñas máis adiantadas xa estean os grans tocándose na maioría de acios e que nas outras se estea a acadar este estado.
Reproducimos a continuación a situación fitosanitaria dos viñedos na provincia:
Nalgunhas localidades houbo precipitacións lixeiras entre os días 20 e 21 (a pasada fin de semana); noutras, ou mellor dito en case todas, néboas locais ao longo de períodos máis ou menos longos de tempo nos últimos días, e na totalidade de comarcas temperaturas nocturnas elevadas con humidade foliar durante horas, como está sendo a tendencia normal desta campaña tan complicada.
Tamén é certo que se rexistraron as anunciadas temperaturas superiores a 30 ºC, pero na maioría de zonas durante un tempo insuficiente para producir desvitalización dos esporanxios do fungo do mildio.

Este ano fundamentais rozas e despuntes viña cuberta vexetal. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Todas estas circunstancias tiveron o seu reflexo nas numerosas viñas que visitaron os técnicos da Estación de Areeiro nesta semana, e nas que observaron unha diversidade de situacións cuxos estremos foron os seguintes:
-Dun lado, síntomas completamente viables ou mesmo avanzando aínda despois de ter feito un tratamento. Nestas situacións máis graves, incluso acios completamente soleados presentaban frutificación e/ou outros danos.
-Doutra banda, síntomas ben controlados, tanto en acio como en folla, e sen frutificación ou zona de avance ningunha a pesar de que nalgúns casos xa se rozaba o fin do período de protección da aplicación precedente.
-No medio destes casos, o resto de viñas, que presentaban tanto síntomas ben contidos como algúns aínda non ben controlados, sobre todo a nivel dos acios, sendo esta a situación máis frecuente.
-Pola súa banda, nas plantas testemuña sen tratamentos continúa evolucionando a perda de follas (acios xa perdidos totalmente na maioría).
A día de hoxe, a totalidade de previsións meteorolóxicas consultadas apuntan ao mantemento de condicións favorables ás infeccións, con choivas (en xeral de escasa entidade) calquera día ata domingo, humidade alta e temperaturas mínimas tamén elevadas.
Deste xeito, e combinado coa cantidade de inóculo presente este ano, a recomendación dos técnicos é realizar revisións exhaustivas e continuas das viñas para comprobar a evolución da enfermidade, dar un novo tratamento (con funxicidas que teñan acción curativa e antiesporulante) se a evolución da enfermidade é continua e nunca descoidar as prácticas culturais que facilitan a ventilación dos acios.

Mostra de Moscatel con oidio. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro
As condicións típicas desta época son favorables ao oídio, e máis neste ano no que tamén as temperaturas nocturnas son tan elevadas. Ademais, dende a Estación de Areeiro lembran que a luz difusa tamén é moi favorable ao patóxeno co que é de esperar que continúe o seu avance naquelas viñas onde non se lograra frear coas intervencións realizadas.
Con esta situación, a recomendación é permanecer moi alertas para poder reaccionar a tempo, pois nalgunhas das viñas que visitaron os técnicos esta semana xa hai acios que presentan algún gran rachado.
Nas viñas tratadas os técnicos da Estación Fitopatoloxica de Areeiro non observaron síntomas novos nin en acio nin en folla.
A humidade elevada parece que se vai manter nos próximos días, e tamén vai haber temperaturas altas, combinación que favorece ao patóxeno da botrite.
Por este motivo, o consello é que haberá que incrementar a vixilancia, considerando que ademais xa se empezan a ver acios rachados por oídio e que en breve aparecerán os primeiros acios con perforacións das eirugas da avelaíña.
As temperaturas elevadas favorecen a manifestación dos síntomas nas plantas que están afectadas por fungos causantes destas enfermidades. Nalgunhas destas plantas o avance é xa tan evidente que xa están a secar, polo que é pouco probable que sobrevivan á infección.
Aconséllase ir marcando as plantas enfermas, eliminar o/s brazo/s afectado/s se son puntuais (aplicando funxicida despois no corte) e arrincar e destruír xa as plantas mortas.
Os técnicos da estación pontevedresa observaron esta semana o primeiro ovo da avelaíña da couza, a pesar de non ter capturas de adultos nas trampas de feromonas na viña onde o atoparon, de onde se deduce que non é suficiente con controlar as trampas senón que tamén hai que facelo nos acios.
A recomendación: incrementar a vixilancia, porque en breve aparecerán as primeiras perforacións das eirugas.
En dúas viñas das visitadas esta semana había un número importante de follas tenras con erinose de verán, pero lembran que este ácaro non é preciso tratalo nos viñedos da provincia de Pontevedra, máis que en casos moi puntuais de planta nova fortemente afectada.

Síntomas de erinosis de verano en variedad tinta. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta