O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas á apicultura de 2022, cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros. Os apoios oriéntanse tanto para mellorar a produción como a comercialización dos produtos derivados deste sector.
A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica, para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para apoiar aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para potenciar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.
No primeiro caso, será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragarase tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.
Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contémplase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado está pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.
A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións ou a pertenza á indicación xeográfica (IXP) Mel de Galicia. Tamén se valorará que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta