O avance da praga provoca que, en só dous anos, toda a provincia de Lugo e o noreste da de Ourense se inclúan nesta demarcación. Fernando Alonso Arce, director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León ofrece algunhas claves da propagación deste coleóptero

A pulguiña da pataca, Epitrix, é un coleóptero orixinario de Norte América que foi detectada en Galicia en 2010. Esta praga chegou á comunidade galega procedente de Portugal, onde os seus síntomas foran constatados xa no ano 2004. As provincias da Coruña e Pontevedra e algunhas zonas de Lugo e Ourense pasan a considerarse en 2015 como áreas demarcadas nas que se aplican determinadas medidas preventivas para evitar a expansión da praga. En só dous anos, o avance da pulguiña obriga a que case toda Galicia permaneza baixo esta demarcación. En xaneiro de 2018 toda a provincia de Lugo e o noroeste de Ourense súmanse ao resto de territorios galegos con esta identificación.
Desde a detección da pulguiña en 2004 na Península Ibérica e ata 2015 fóronse identificando casos en distintos puntos como Asturias ou Andalucía pero non se aplicaron medidas oficiais, tal e como explica o director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso Arce. Para combatela os agricultores aplicaban insecticidas adicionais pero non existía ningún plan estatal para frear o seu avance.
Existen catro especies de Epitrix que producen danos nos tubérculos. Todas elas son case idénticas e orixinarias de Norte América. A Epitrix tuberis é a especie máis daniña pero a primeira detectada en Galicia foi a Epitrix similaris. Actualmente, acéptase que a maioría dos insectos capturados en España pertencen a unha quinta especie Epitrix papa.

Exemplares das distintas especies de Epitrix.
É unha pulguiña de 1,5-2 milímetros de cor negra que se alimenta das ramas da pataca aínda que xunto á pataca, tamén os tomates e a berenxena exercen como hospedantes para estes coleópteros. As larvas son brancas, e atópanse nos tubérculos onde producen pequenas mordeduras que deixan sucos superficiais de aspecto característico e fácil de detectar.
A pulguiña centra a súa actividade na primavera e o verán, desde os meses de abril cando realiza a posta ata o mes de outubro. Coa chegada do outono os adultos invernan. Os ovos eclosionan en apenas unha semana para converterse en larvas que darán lugar ás pupas e logo aos adultos. Este ciclo de vida dura apenas 6 semanas.
As zonas demarcadas inclúen as áreas afectadas e aquelas franxas denominadas tampón que son lindeiras e que implican unha anchura de polo menos 500 metros desde o bordo da zona infestada. Nestes espazos aplícanse as medidas oficiais de erradicación ou contención.
En Galicia publicáronse as zonas demarcadas mediante a Resolución de 15/1/2014 modificada pola Resolución de 11/2/2016. Aínda que, fundamentalmente a restrición atópase na zona litoral de Pontevedra e A Coruña (ámbalas provincias foron declaradas integramente zonas demarcadas), localizáronse tamén focos nalgunhas localidades de Ourense (Piñor de Cea, Arrabaldo, Cenlle) e de Lugo (en parcelas de Mondoñedo, Valadouro, Barreiros e Viveiro). En 2018 pasan a considerarse como Zonas Demarcadas a totalidade da provincia de Lugo e esténdese a superficie baixo esta restrición tamén nalgunhas localidades de Ourense.
As principais vías de introdución da pulguiña en distintos territorios están ligadas ao movemento de patacas desde áreas infestadas. Os tubérculos poden ser o vehículo de transporte tanto de adultos como de pupas ou larvas.
Os maiores riscos residen na utilización de patacas para a sementeira que teña terra adherida na que poden habitar as larvas da pulguiña. Xunto á pataca de sementeira, tamén a pataca destinada ao consumo pode ser un método de propagación da praga se ten terra adherida.
Baixo esta denominación de medidas de control inclúense a erradicación ou contención, tratamentos, desinsectacións e a prohibición de plantación de plantas hóspede. Como apunta o experto, Fernando Alonso, tamén é preciso levar a cabo un control intensivo da presenza do organismo. Débese realizar un lavado ou cepillado dos tubérculos para que non conteñan máis dun 0,1% de terra. Este proceso é ademais imprescindible para o traslado de tubérculos procedentes de zonas demarcadas.
Requisitos no traslado
As patacas procedentes de zonas demarcadas deben cumprir unha serie de requisitos para evitar a propagación da praga. No traslado debe especificarse o lugar de produción, agricultor e o centro de expedición. Ademais de ser lavados ou cepillados, os tubérculos deben contar con pasaporte fitosanitario e utilizar embalaxes limpas.
No traslado á instalación de embalaxe, as patacas destas zonas deben cumprir unha serie de condicións:
-Os tubérculos deben ser cultivados en campos con tratamentos insecticidas
-Debe realizarse unha inspección oficial en campo antes da colleita
-É preciso comunicar á Xunta a data do traslado
-O vehículo utilizado para o traslado debe ser cuberto ou as patacas deberán ir en embalaxes pechadas e limpas.
-No transporte debe levar o documento que acredite a orixe e destino das patacas
-Unha vez que cheguen ao almacén, debe procederse ao lavado ou cepillado das patacas
-É preciso a desinfección de vehículos, embalaxes, maquinaria e terra, residuos e restos
-Son tamén necesarios uns requisitos de control nas instalacións de embalaxe. Estes espazos deben estar rexistrados para o empaquetado de tubérculos de pataca orixinarios de zonas demarcadas e será preciso que leven rexistro durante un ano desde a data de chegada dos tubérculos procedentes desas áreas.
-Outras medidas de control para a praga implican unha rotación ampla de cultivos e limpar a terra despois da recolección. É necesaria tamén a destrución de restos de vexetación e eliminar as malas herbas. En presenza da pulguiña aconséllase realizar unha recolección temperá e labrar profundamente a terra antes da sementeira.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta