PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Axencia Tributaria aumenta a fiscalidade e as sancións ás axudas de incorporación

A Axencia Tributaria considera estas axudas como unha subvención corrente e non como unha axuda de capital, o que fai que os mozos incorporados teñan que tributar ata 6.000 euros por unha axuda que rolda os 24.000. Nalgúns casos tamén hai sancións de ata 1.600 euros

Os 264 mozos e mozas aos que en 2014 a Xunta de Galicia lles aprobou a axuda de incorporación á agricultura estanse a atopar estes días cunha desagradable sorpresa na Declaración da Renda. E é que a Axencia Tributaria puxo este ano especial celo nestas axudas ao consideralas como unha subvención corrente para uso individual e non como unha axuda de capital destinada a investir na modernización e posta en marcha da explotación.

Isto tradúcese en que os arredor de 20.000 euros de axuda deben incluírse íntegramente na declaración do IRPF de 2014 e computarse no ano no que se concedeu, non no que se cobrou. A efectos prácticos supón pasar dunha liquidación na que o mozo tiña que devolver 330 euros de media a ter que pagar ata 5.000 e mesmo 6.000 euros.

Afecta sobre todo aos mozos que se incorporaron a sociedades civís

PUBLICIDADE

Dende Arza Ingeniería, unha empresa lucense que tamén traballa como xestoría para numerosas explotacións, aseguran que “este é o primeiro ano en que Facenda se empeza a meter coas axudas de incorporación, pois aínda que as consideraba dende hai anos como unha ganancia patrimonial e non unha axuda afecta á explotación, era moi raro que aplicasen o seu criterio”.

Sen embargo, este ano aseguran que “xa levamos un caso no que lle reclamaron ata 6.000 euros a unha persoa física, coa explotación ao seu nome, pero sobre todo tiveron problemas coas incorporacións a sociedades civís, onde xa levamos tres casos”. “De nada lle valeu á Axencia Tributaria -engaden- que aportásemos certificados da Consellería de Medio Rural nos que acreditaba que a axuda non a cobraron no 2014 e de que é unha subvención para a compra de maquinaria, obras de mellora nas explotacións, capitalización da sociedade, …etc”.

Ademais, a Axencia Tributaria estalles a aplicar sancións de ata 1.600 euros por non imputar a axuda de incorporación na declaración da renda de 2014. Neste sentido, dende Arza Ingeniería explican que “a partir do 1 de xaneiro de 2015 cambiou a lei para que se declare a axuda cando se ingresa, pero non cando se aproba, pero antes desa data segue vixente a normativa anterior”. De momento os afectados recorreron as sancións pero están a pagar as liquidacións impostas por Facenda.

Unións Agrarias considérao un “absurdo” e solicita unha entrevista coa delegada da Axencia Tributaria en Galicia

PUBLICIDADE

Ante esta situación, o sindicato Unións Agrarias ven de enviar unha carta á delegada da Axencia Tributaria en Galicia, Imelda Capote, para pedirlle unha entrevista na que abordar o problema.

Javier Iglesias, portavoz de Gandería de UUAA, considera que “hai un erro claro de interpretación destas axudas” por parte da Axencia Tributaria. “É absurdo que se considere a axuda de incorporación como un ingreso ordinario cando se trata dunha subvención de capital destinada a investir na explotación, tal e como establece a convocatoria da Xunta”, asegura Iglesias.

A única excepción contemplaríaa cando se destina a axuda de incorporación a adquirir accións para entrar nunha sociedade (SAT, SC, SL..), “que non é un gasto amortizable, aínda que a Axencia tributaria entende que hai que declarala integramente no ano que se cobra -a partir do 1 de xaneiro de 2015- aínda que se trata dunha participación para unha serie de anos”.

PUBLICIDADE

Unha situación que afecta a 264 mozos en 2014 e a 146 aos que se lle aprobou a axuda en 2015

O especial celo da Axencia Tributaria en aumentar a fiscalidade para estas axudas de incorporación afecta aos 264 mozos e mozas aos que se lles aprobou en 2014. Afectará tamén aos 146 expedientes de axudas de incorporación que Medio Rural aprobou en 2015, sempre e cando cobraran a axuda nese ano. Neste 2016 hai máis de 700 solicitudes presentadas, segundo os datos facilitados a pasada semana pola Consellería.

Exemplo de sanción da Axencia Tributaria un mozo que recibiu  as axudas de incorporación:

SANCION_axudas_INCORPORACION_AET

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *