PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

As granxas con enerxías renovables por fin poderán vender os excedentes de electricidade

Instalación fotovoltaica nunha granxa

O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo en España. A novidade máis importante é que permite aos particulares ou empresas que teñan instaladas enerxías renovables (fotovoltaica, biomasa, eólica..etc) que vendan os seus excedentes ás compañías eléctricas, facendo un balance a final de mes entre o que consomen e o que gastan. Isto reducirá considerablemente a súa factura eléctrica e o prazo de amortización destas instalacións.

En concreto, o Real Decreto, que se prevé que se publique no BOE a próxima semana, habilita a figura do autoconsumo colectivo, que fomentará esta fórmula nas comunidades de propietarios ou en polígonos industriais; reduce os trámites administrativos, especialmente no caso dos pequenos autoconsumidores, e establece un mecanismo simplificado de compensación da enerxía autoproducida e non consumida.

E é que até o momento, só existía unha posibilidade, o autoconsumo individual conectado a unha rede interior. É dicir, todo a enerxía que producía por exemplo, unha instalación fotovoltaica nunha gandaría e non se consumía, perdíase, ao non poder vendela á rede. A única alternativa era contar cunhas baterías para o seu almacenamento, pero isto encarecía sensiblemente a instalación.

PUBLICIDADE

Compensación de excedentes

Afortunadamente, a partir de agora co Real Decreto aprobado hoxe, a comercializadora de enerxía compensará ao usuario pola enerxía excedentaria en cada factura mensual.

Este mecanismo é aplicable para aquelas instalacións cunha potencia non superior a 100 quilowatts (kW) e sempre que produzan electricidade a partir de enerxía de orixe renovable.

A compensación económica pode chegar até o 100% da enerxía consumida polo usuario nese mes.

Doutra banda, e no caso do autoconsumo colectivo, o Real Decreto tamén abre a porta a que un consumidor poida aproveitar os excedentes do seu veciño e coparticipe de autoconsumo, se este non está a consumir o seu parte proporcional de enerxía.

PUBLICIDADE

Co obxecto de impulsar o desenvolvemento do autoconsumo e ofrecer facilidades á cidadanía, a norma abre a posibilidade de que todas as comercializadoras poidan ofrecer servizos de autoconsumo renovable. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que ha validado esta medida, supervisará a evolución do mercado e, no caso de que xurdan problemas de competencia, poderá propor ao Goberno o establecemento de restricións a determinadas compañías.

Ademais, o Real Decreto clasifica e define as distintas clases de autoconsumo. Coa nova norma, conságrase a figura do autoconsumo colectivo, de tal forma que varios consumidores poidan asociarse a unha mesma planta de xeración, feito que impulsará o autoconsumo en comunidades de propietarios ou entre empresas ou industrias situadas nunha mesma localización.

Asemade, defínese o concepto de “instalación de produción próxima ás de consumo e asociada ás mesmas”. Con esta figura, permítese realizar o autoconsumo tanto con instalacións de xeración situadas na mesma vivenda -única posibilidade contemplada até a data-, como noutras que estean situadas nas proximidades. Así, por exemplo, poderanse instalar placas fotovoltaicas en edificios contiguos que teñan mellor orientación, sempre que haxa acordo entre as partes.

PUBLICIDADE

Simplificación administrativa

O Real Decreto reduce os trámites administrativos para todos os usuarios. No caso do pequeno autoconsumidor (instalacións de até 15kW ou de até 100kW, en caso de autoconsumo sen excedentes), redúcense a unha única xestión: notificar a instalación dunha planta de produción eléctrica na súa correspondente comunidade ou cidade autónoma. O rexistro estatal nutrirase da información remitida polas administracións autonómicas. Ademais, para as instalacións de menos de 100kW en baixa tensión, as administracións solicitarán información a partir dos datos do certificado electrotécnico da instalación.

Así mesmo, articúlase un procedemento para que sexa o distribuidor quen modifique o contrato de acceso dos pequenos consumidores que realicen autoconsumo e este só teña que manifestar o seu consentimento.
De igual modo, simplifícanse drasticamente as configuracións de medida para que, na maioría dos casos, baste cun só contador no punto fronteira coa rede de distribución, o cal supón unha redución de custos.
No caso de autoconsumo colectivo, tamén será necesario medir a enerxía xerada con outro equipo para facer a repartición de enerxía” entre os consumidores participantes.

Desde o punto de vista da seguridade industrial, modifícase o regulamento electrotécnico de baixa tensión para regular os dispositivos antivertidos e os kits autoenchufables, garantindo que o desenvolvemento do autoconsumo é compatible coa protección das persoas e equipos.

Carlos Barbosa (Volfer): “Para unha granxa de vacún de vacún de leite o aforro no consumo de electricidade pode chegar ao 50%”

Carlos Barrosa, director comercial de Voltfer, empresa líder en Galicia en instalacións fotovoltaicas para o sector agrogandeiro, destaca que “este Real Decreto é moi positivo tanto para particulares como para granxas a industrias, pois lles vai a permitir aumentar o aforro na súa factura eléctrica e reducir o prazo de amortización das instalacións”.

“No caso dun fogar, durante o día a instalación fotovoltaica vai xerar enerxía, da que o normal é que consuma moi pouco, pero que se venderá á rede, compensando o consumo que se produza durante a noite. É dicir, a rede eléctrica vai ser nosa batería”, explica.

No caso de gandarías de vacún de leite, o responsable de Voltfer destaca que “vai ser moi positivo, xa que até agora as horas de ordeño non adoitaban coincidir coa hora de máis produción de enerxía fotovoltaica. A partir de agora véndese á compañía eléctrica e compénsase o que consumimos co que vertemos, co que podemos pasar de aforrar entre un 30 e un 40% no consumo de enerxía a chegar ao 50%”.

Ademais, o balance neto tamén reducirá o prazo de amortización das instalacións: “Estamos a falar que, sen subvención, unha instalación deste tipo, que ten unha vida útil garantida de 25 anos, amortizábase nuns 6 anos ? un ano menos no caso de que conte con axudas- e co balance neto podería baixar até os 5 anos”, destaca.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *