A Consellería de Medio Ambiente publicou este venres no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas pola que se establecen as subvencións para paliar os danos que provocan os xabaríns nos cultivos agrarios.
Estas axudas contan cun importe de 811.000 euros, un 35% máis respecto da anterior convocatoria. Estas subvencións non convocaban dende o ano 2016, cando foron dotadas cunha partida de 600.000 euros.
As axudas cubrirán os danos que se comuniquen a través do 012 desde o 1 de xaneiro ata o 10 de outubro de 2019, co fin de abarcar os dous períodos máis críticos, como son a sementeira e recollida do millo.
Quen as poderá solicitar?
Poderán optar a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas e titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas e inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou de autoconsumo. Cada expediente será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.
O importe máximo da axuda por persoa beneficiaria e ano será de 1.650 €, aínda que os danos excedan este importe.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.
No prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos, a persoa afectada deberá poñerse en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, onde se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.
O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas, os sábados.
Segundo as cifras que manexa a Dirección Xeral de Patrimonio na última tempada de caza capturáronse case 16.200 exemplares en case 21.400 batidas autorizadas.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta