Aspectos clave para mellorar o traballo na sala de muxido nas ganderías de vacún de leite. Resumo do relatorio de Demetrio Herrera, veterinario de Q-llet, durante as IV Xornadas sobre Calidade do Leite organizadas por Farm Vet Asesoramento Gandeiro en Ribadeo.

O muxido é o último paso do proceso amplo e complexo que é a produción de leite. Ademais, como munguimos as vacas ten un impacto enorme na saúde da ubre da vaca, nestes momentos o problema de saúde máis común e que máis perdas económicas provoca nas ganderías de vacún de leite. Por último, como fagamos o muxido determina en boa medida o reconto de células no tanque.
A medida que as ganderías medran en tamaño, o muxido pasa a ser cada vez máis realizado por persoal contratado, a miúdo con pouca formación e motivación e mesmo con barreiras de idioma. É por iso que se fai imprescindible a formación, motivación e avaliación continua do persoal da sala de muxido.
Para Demetrio Herrera, veterinario de Q-llet, o gandeiro débese preocupar por ofrecer unha formación ao persoal que traballa na súa sala de muxido sobre os seguintes puntos básicos:
-Formación sobre que é unha mamite e que consecuencias ten, tanto económicas, como de risco de inhibidores como de calidade do leite producido.
-As causas da mamite: as bacterias que están na pel do teto penetran pola canle e colonizan o tecido mamario, producindo unha infección intramamaria. Neste sentido a hixiene en xeral e a limpeza exhaustiva da ubre e de todas os tetos durante o muxido, en particular, é crucial.
-A partir destas premisas, o traballador ten que entender a razón de cada proceso da rutina de muxido (predipping, secar, conectar, postdipping), que ten o obxectivo final de munguir vacas con tetos limpos, secos e ben estimulados. Se se logra isto o muxido será rápido, eficiente e minimizarase o risco de que a vaca sufra infeccións intramamarias.
“Todas as persoas que traballan na sala de muxido deben facer sempre igual as rutinas·
PUBLICIDADE
-É fundamental explicar como se deben executar cada paso da rutina de muxido, porque mínimas variacións en cada traballador poden ter un gran impacto negativo. As vacas queren ante todo regularidade e rutinas, e por iso todos os muxidores deben facer o mesmo e da mesma maneira en cada vaca, en cada quenda e cada día.
-Por último, os traballadores da sala de muxido deben saber que esperamos deles e que consecuencias ten executar a rutina toa e como se adestrou. As consecuencias non son máis que os obxectivos que esperamos acadar, que deben estar ben definidos e por escrito, á vista do persoal.
O máis habitual é que a formación de novos muxidores a imparta o propio gandeiro ou algún muxidor veterano. Sen embargo, a formación limítase en moitos casos para dicir o que hai que facer na rutina de muxido sen explicar as razóns de cada paso nin a problemática da mamite. Pola contra, o máis efectivo é desenvolver protocolos de rutina de muxido (SOP), implementar e adestrar in situ aos traballadores, definir obxectivos, avaliar e motivar ou corrixir aos traballadores segundo os resultados obtidos.
Neste sentido, para organizar a formación son claves os seguintes aspectos:
-Educación: os traballadores deben saber por que as vacas sofren mamite, que impacto ten esta enfermidade e que poden facer eles para reducir o risco. Deben quedar claros como executar e o por que de cada paso, así como conceptos como fluxo de muxido ou células somáticas.
Para iso é necesario programar reunións periódicas, como mínimo unha vez ao ano, entre os asesores en muxido e o persoal e realizalas sempre que se incorpore novo persoal de muxido. O material gráfico, como vídeos ou power point, son moi útiles para transmitir coñecementos, sobre todo cando existen barreiras lingüísticas.
-Desenvolvemento dun Protocolo de Rutina de Muxido (SOP). É necesario desenvolvelo por escrito e poñelo visible na sala, relatando paso a paso como executar correctamente o traballo. O obxectivo é asegurar a consistencia da rutina de muxido: que non haxa variación no traballo aínda que o executen diferentes persoas.
Ademais dos procesos para executar, o SOP debe contemplar cales son os obxectivos de eficiencia de muxido e saúde do ubre. Todos os traballadores da sala de muxido deben ter unha copia por escrito deste protocolo, e tamén se debe colocar na sala a fin de fixar os conceptos.
-Implementar e adestrar a rutina na sala de muxido. Non é unha tarefa dun só día. Aspectos como avaliar o manexo das vacas na sala, a calidade do despunte, a cobertura adecuada dos tetos co pre ou o postdipping e a limpeza da punta do teo, debe ser un proceso continuo cada vez que o gandeiro ou o asesor visita a gandería durante o muxido.
“O fluxo medio de leite é o mellor indicador da calidade do muxido”
-Definir obxectivos e avalialos. Afortunadamente a maioría das salas de muxido dispoñen hoxe dun sofware que colle múltiples parámetros do muxido (tempo de muxido, fluxo medio, vacas por hora, quilogramos por hora…etc). Desde Q Llet recomendan traballar cun destes indicadores, dous como máximo, para non acabar saturando de información aos traballadores.

SOP nunha granxa catalana. Autor: Q Llet
Neste sentido, para Demetrio Herrera o fluxo medio de leite é o mellor indicador da calidade do muxido e, en certa medida, é o reflexo de todos os demais indicadores. E é que dificilmente teremos fluxos medios de leite óptimos se a porcentaxe de leite nos dous primeiros minutos é baixa, se hai alta bimodalidade ou se hai unha alta porcentaxe de tempo en baixo fluxo.
Respecto da eficiencia e rendemento do muxido, a nivel de cada granxa particular, os quilogramos de leite por hora é o mellor indicador da eficiencia.
Doutra banda, quilogramos de leite por punto de muxido e hora vai permitir comparar eficiencia entre diferentes granxas. Este índice non só engloba a rutina de muxido, senón que tamén se verá influenciado por o tráfico e polo manexo das vacas na sala e pola óptima regulación dos parámetros da máquina de muxido, como baleiro, pulsación e retiradores automáticos.
Por último, respecto da saúde do ubre, o reconto de células somáticas en tanque é un bo indicador, fácil de monitorar e máis entendible para os traballadores da sala de muxido que outros índices máis complexos, como son a taxa de novas infeccións ou a prevalencia de infección.
Neste sentido, para Demetrio Herrera, no salario debese contemplar unha parte fixa e outra variable por obxectivos, por exemplo por RCS por baixo de 250.000 e por tempo de muxido por baixo de 5 minutos, dando unha prima aos traballadores por manter ou mellorar estes parámetros.
-Comunicación e motivación. É fundamental a implicación e o compromiso por parte do gandeiro para conseguir que a formación do persoal de muxido sexa efectiva, a rutina quede ben fixada e se podan lograr os obxectivos definidos. Pola contra, se o gandeiro non supervisa os traballadores ou ben non hai comunicación efectiva entre o persoal e o xefe, os traballadores entenderán que o seu traballo non é importante para a rendibilidade da empresa gandeira e que ao xefe non lle importa como fagan as cousas. A xente necesita saber se está a facer ben ou mal as cousas, e recibir un reforzo positivo se o está facendo ben para motivalos.
“O soldo debería ter unha parte fixa e outra variable por obxectivos”
Neste sentido, débese informar periodicamente os traballadores da sala de muxido sobre os obxectivos marcados, e reevaluar, reentrenar e revisar o protocolo se non se alcanzan os obxectivos.
En granxas nas que existe prima por calidade respecto ao reconto de células, é un potente estímulo establecer unha porcentaxe negociada da prima como ingreso extraordinario para os traballadores, para motivar así a seguir os protocolos de traballo.
Como conclusión, a formación e motivación continuada do persoal da sala de muxido por parte dos gandeiros e dos veterinarios é unha área fundamental e representa unha oportunidade para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite.
Vídeo da Facultade de Agricultura da Universidade de Kentucky (Estados Unidos)
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta