As novas instalacións contan cun equipo de 12 persoas e máis de 10.000 metros cadrados de superficie. Unhas xornadas de agricultura de precisión complementaron a inauguración do novo centro, ubicado en Catro Ventos
Agrícola Noroeste asentouse en Santa Comba hai algo máis dunha década, cun equipo inicial de 2 técnicos e unhas instalacións que co paso dos anos quedáranse pequenas. O crecemento que experimentou levou á empresa a abrir agora un novo centro, que conta con máis dunha hectárea de superficie total e un equipo de 12 persoas, encargadas da atención posvenda, vendas e repostos.
Destaca tamén a incorporación dun técnico en agricultura de precisión, unha das apostas de Agrícola Noroeste. A empresa vén de inaugurar este mes o seu novo centro de Santa Comba cunhas xornadas de agricultura de precisión, nas que durante dous días explicoulle ós seus clientes as posibilidades do mundo agrotech.
Xunto con sesións teóricas, organizáronse demostracións de guiado automático do tractor, con media volta no cabeceiro, de aplicación de fitosanitarios con dron e de lastrado ventral dun tractor.
A xerente de Agrícola Noroeste, María Velasco, subliñou no acto o papel pioneiro de John Deere e da propia Agrícola Noroeste na agricultura de precisión. “Agora mesmo temos 8 técnicos no departamento de agricultura de precisión, para darlle resposta ás necesidades que nos demanda o sector”, explicou.
Nesa liña, Velasco referiuse á comarca de Santa Comba como “un referente no sector lácteo” que pode contar xa cunha maior atención e máis especializada en cada área de traballo.
Nas xornadas de agricultura de precisión de Santa Comba interviu tamén o director comercial de John Deere, Eduardo Martínez de Ubago, que incidiu en como a tecnoloxía pode ser a solución para tres grandes problemas do agro: as regulacións cada vez máis esixentes, os custos de produción e a falta de man de obra.
O responsable de agricultura de precisión en Agrícola Noroeste, Mario Pellitero, expuxo nas xornadas de Santa Comba as claves da agricultura de precisión e as vantaxes que pode aportar nos traballos agrícolas.
Agrícola Noroeste é unha empresa que tivo as súas orixes hai 60 anos, unha traxectoria na que sempre estivo ligada á marca John Deere, líder de vendas no sector. A compañía, que conta na actualidade con 12 centros en Galicia, Asturias e Castilla y León, é o resultado da fusión no 2016 de Magrino (Galicia), Martín y Prieto Hermanos (Zamora) e Talleres Carlos (León).
Na actualidade, Agrícola Noroeste conta con 161 empregados, máis de 32.000 clientes e unha facturación anual superior ós 60 millóns de euros.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta