Resumo do relatorio da veterinaria Yolanda Trillo no II Encontro da Mocidade Gandeira. Neste artigo céntrase na mellora do benestar animal na sala de muxido

O ambiente dos animais normalmente limítase ao que ocorre no cortello e arredores, co cal se debería ter en conta ata seis áreas distintas: descanso, alimentación, muxido, circulación, ventilación e bioseguridade. Neste capítulo centrámonos nos parámetros para monitorar na área de muxido, tanto na sala de espera como na sala de muxido propiamente dita.
A sala de espera debe ser unha adaptación previa das vacas ao muxido. Neste sentido, hai que prestar atención aos seguintes aspectos para mellorar o benestar das vacas, e por tanto o seu rendemento:
Ancho da porta de entrada: Debemos adecuar o número de vacas para evitar a tensión en caso de agrupamento dos animais. As medidas recomendadas son: se temos menos de 100 vacas en muxido o ancho da porta de entrada na sala de espera non debe ser inferior a 3 metros. Se contamos con máis de 100 vacas o ancho da porta non debería baixar de 5 metros.
Superficie por vaca: Debe ser adecuada ao número de vacas que entran ao muxido e é recomendable que sexa superior a 1,4 metros cadrados por animal.
Chan: o chan na sala de espera debe ser raiado, con liñas horizontais á pendente, para evitar deslizamentos.
Pendente da sala de espera: soamente a necesaria para favorecer a drenaxe e limpeza. Recoméndase unha pendente ascendente cara á sala de muxido de entre o 2 e o 4%. Superior ao 6% pérdese confort.
Visibilidade da sala de muxido: esta debe ser visible desde a sala de espera. O obxectivo é conseguir unha circulación lineal e fluída cara a adiante. Unha maior iluminación da sala de muxido facilita o avance dos animais.
Tempo de espera: non debe ser superior a 45 minutos por lote. Tempos de espera moi longos fan que a oxitocina se libere antes de tempo e aparezan baixadas de leite anticipadas. Tamén poden provocar problemas podales e estrés.
Anchos do corredor de saída: Debe evitarse ao avance de dúas vacas ao mesmo tempo pero con ancho suficiente para facilitar unha saída rápida tras o muxido. O ancho recomendable é de 80 a 90 centímetros se é recto e de 130 a 160 centímetros se require xiros. As vacas tenden a asustarse ao descoñecer o que lles espera ao final do percorrido de modo que se existen xiros, unha maior amplitude de paso reduce o estrés e permite unha circulación máis fluída.
Xiros bruscos: evitar xiros iguais ou maiores a 90 graos nos corredores de entrada e saída para unha circulación lineal.
Saír a buscar as vacas á sala de espera: Isto pode indicar un mal deseño das instalacións, ao non favorecer o avance lineal dos animais. O adecuado sería ir buscar menos do 10% á sala de espera para o muxido.
Orde de muxido das vacas: primeiro deberían muxir as xovencas sas de primeiro parto, despois as vacas sas, a continuación as xovencas enfermas e por último as vacas enfermas. Desta forma evítanse novos contaxios.
Saúde da ubre: verificar regularmente xovencas e vacas recentemente paridas e vacas con 1 ou 2 semanas despois do parto (test de mastite, RCS). Lembrar que o leite das vacas enfermas sempre se debe manter separado.
Limpeza e desinfección do teto: débese seguir sempre un protocolo para evitar a entrada de patóxenos. Así, realizaremos o predipping da seguinte forma: aplicar o limpador de tetos, esperar 30 segundos, limpar e secar o ubre con papel ou toalla (non reutilizar entre vacas). No postdipping aplicaremos un baño cubrindo polo menos o 70% do teto.
Tempo de estimulación do ubre: debe ser entre 10 e 20 segundos por vaca. O obxectivo é favorecer a baixada do leite e a saúde da ubre con esta limpeza e masaxe.
Pre-muxido: o obxectivo é estimular á vaca e preparar as mamilas para o muxido. Para esta tarefa débese seguir o seguinte protocolo: utilizar luvas desechables limpos; verter dous ou tres chorros de cada teto nunha xerra (non tirar ao chan) e examinar o leite para detectar coágulos, cambios de coloración ou outras inconsistencias. Rexeitar o leite anómalo.
Tempo entre a estimulación e a colocación das tetoeiras: debe ser entre 60 e 90 segundos.
Manexo da máquina: o obxectivo é evitar o sobre-muxido. Para iso debemos controlar na máquina os parámetros de velocidade, fluxo, baleiro (comprobar niveis antes do muxido), taxa e relación de pulsación, tempo coa unidade posta ou tipo de tetoeira.
Tempo total do lote: debe ser inferior a 90 minutos desde a entrada entre a sala de espera e a saída do muxido.
Estado dos tetos: avaliaremos a cor, hinchazón, apertura do esfínter, pel e anel do teto. O estado da punta do teto pódese clasificar nunha escala de 0 a 4. O obxectivo é que menos do 20% das vacas presenten algún destes problemas.
Estrés: os síntomas de tensións na sala de muxido poden manifestarse con ouriños, dexeccións brandas, patadas, tiradas de tetoeiras ou ausencia de rumia. O obxectivo é que menos do 10% das vacas en cada muxido presenten estes síntomas de estrés.
Limpeza: débese manter a hixiene da sala de muxido ante o risco de proliferación de xermes do leite. A sala débese limpar en cada muxido.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta