A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento do valor dos tenreiros carniceiros. Na recría Frisoa a tendencia é á baixa. Continúa a caída dos prezos do porco cebado e prodúcense subas no mercado do ovo

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), experimenta esta semana unha suba dos prezos medios de referencia dos becerros de cebo, con incrementos en tódalas categorías. Na recría a tendencia foi á baixa, en especial nos machos de raza Frisoa. No vacún maior non houbo unha tendencia clara esta semana.
Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada nos prezos dos porcos cebados e os leitóns experimentaron unha nova suba esta semana. O mercado do ovo tamén rexistra un incremento do valor nalgunhas categorías.
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Cómpre recordar ademais, que a vindeira semana, o martes 31 de outubro, suspéndese a poxa de recría e só se venderán becerros cebados e vacún maior.
En canto ós prezos desta senama, na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 46 euros, é dicir, 35 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 94 euros, o que supón 23 euros menos. Os becerros de máis de 50 días foron a excepción nesta raza ó experimentar unha suba de 47 euros e acadar os 200 euros.
Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os machos máis novos descontaron 76 euros no prezo medio con respecto da semana pasada e sitúanse en 274 euros. Mentres, nas femias houbo unha suba de 39 euros e cotízanse a 236 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse un incremento de 10 euros e teñen un prezo medio de 367 euros. As femias acadaron os 251 euros, logo de sumar 7 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 489 euros, (+29 euros). As femias sitúanse nos 353 euros, ó descontar 41 euros.
Nos becerros de cebo houbo subas en case tódalas seccións. Os machos frisóns tiveron un prezo medio de 971 euros (424 euros). Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.093 euros nos machos (+45). As femias tiveron unha suba de 200 euros no prezo de referencia con respecto da semana pasada e acadan os 1.161 euros. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.256 euros, ó rexistrar tamén unha suba, neste caso de 22 euros. As femias desta raza están nos 1.424 euros, ó sumar 401 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron un incremento de 108 euros e quedan cun prezo medio de 1.230 euros.
Esta semana o vacún maior non houbo unha tendencia clara. As vacas descarte tiveron un incremento de 28 euros e acadan un valor medio de referencia de 445 euros, así como os animais de primeira, que sumaron 10 euros para acadar un prezo de 1.160 euros. Os exemplares comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un valor de referencia de 2.404 euros, o que supón 70 euros máis que a feira pasada. Mentres, as vacas da categoría extra descontaron 180 euros e quedan nos 1.990 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a 712 euros, logo dunha baixada de 13 euros.

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana novas baixadas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal descontaron 0,04 euros e quedan nos 1,74 e 1,715 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,227 euros, tras unha baixada de 0,052 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron unha suba dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 73 euros (cun prezo de 3,65 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 68 euros e cun prezo por quilo de 3,4 euros.
O mercado do ovo experimentou subas nalgunhas das categorías. Así, os ovos da S e a M tiveron un incremento de 0,04 euros, o que deixa un prezo de 1,66 e 1,96 euros a ducia, respectivamente. Mentres, no resto de categorías non houbo cambios, así como nas galiñas de descarte semipesadas.
O prezo do coello está nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta