A Central Agropecuaria rexistra unha baixada dos prezos dos tenreiros de recría e de cebo. Tendencia á baixa no vacún maior. Estabilidade nas mesas do porcino e seguen á baixa os ovos

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra este martes unha nova baixada xeral dos prezos dos becerros, tanto da recría coma nos de cebo. No vacún maior a tendencia tamén foi á baixa, aínda que con excepcións nalgunhas categorías.
O mercado porcino mantívose esta semana sen cambios, mentres que no ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.
Facemos un repaso polas distintas seccións do vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 110 euros, é dicir 4 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 142 euros, o que supón 30 euros menos. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 168 euros, cunha baixada de 20 euros.
A tendencia foi semellante nos tenreiros de recría de cruces industriais. Os becerros máis novos cotizáronse a 311 euros, é dicir 62 euros menos que a semana pasada. Nas femias houbo xa unha baixada de 13 euros, ata os 274 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 383 euros, é dicir 5 euros menos. As femias descontaron 40 euros, xa que tiveron un prezo medio de 285 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 563 euros, o que supón unha baixada de 4 euros. As femias tiveron unha baixada de 91 no prezo de referencia, que queda agora nos 414 euros.
Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 873 euros, é dicir 72 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais descontaron 4 euros ata os 1.154 euros. Mentres, as femias foron a excepción deste tipo de gando, cunha suba de 81 euros no prezo de referencia con respecto do valor da semana pasada e acadan os 981 euros. Nos animais de Rubia Galega, a tendencia foi á baixa. Os machos descontaron 74 euros ata quedar nos 1.180 euros e nas femias houbo unha baixada de 42 euros, polo que agora teñen un valor de referencia de 1.084 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema mantivéronse nos 1.265 euros.
No vacún maior a tendencia foi á baixa, con excepcións nalgunhas categorías. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.204 euros, é dicir, 40 euros máis. As vacas de primeira cotizáronse a 1.149 euros, o que amosa unha baixada de 28 euros. As vacas de segunda descontaron 31 euros, e quedan cun prezo de referencia de 736 euros. Nos animais de desfeito o valor medio foi de 479 euros, polo que sumaron 1 euro con respecto da última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia foron outra das excepcións e o seu valor medio incrementouse 916 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.821 euros.

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado e no leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.
O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha baixada de 0,01 euros e quedaron en 2,61 euros a ducia. Nos ovos da M e da S a baixada foi de 0,02 euros e páganse a 2,21 e 1,96 euros respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas descontan tamén 0,02 euros e cotízanse entre os 0,30 e os 0,38 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta