Tres becerros carniceiros acadan máximos históricos ó venderse por máis de 1.870 euros. Un deles logra os 2.026 euros. Nesta xornada conséguense tamén cifras de récord no prezo medio da recría e na sección de tenreiros de cebo

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca continúa a superar os seus récords. Así, hoxe fíxoo con tres novas marcas en dúas categorías. Por unha banda, rexistrou o maior prezo pagado por un exemplar de becerro carniceiro por partida triple. Se o récord estaba ata hoxe nos 1.807 euros pagados por un exemplar o pasado 10 de xaneiro, hoxe tres exemplares foron adquiridos por 1.870 euros, 1.876 euros e 2.026 euros.
Deste xeito, a partir de hoxe o récord do mercado nesta categoría sitúase nestes 2.026 euros, cantidade pagada por un macho mestizo pertencente a unha gandería de Narón (A Coruña). O animal foi adquirido polo carniceiro Luis Fontán Lago, de Ribadumia (Pontevedra).
Por outra banda, este martes acadáronse os mellores prezos medios da historia da Central en becerros de recría e becerros carniceiros. Nos primeiros situouse nos 339,45 euros. Superouse así os 316,87 euros da semana pasada, cando o volume de transaccións fora o segundo maior desta categoría na Central, tralos 227.100 euros rexistrados o 31 de xullo de 2018.
En canto aos becerros carniceiros, o prezo medio foi de 1.073,25 euros, de maneira que se superan os 1.072,60 euros do pasado 3 de xaneiro nos que se situaba ata hoxe o récord.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta