PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Curso de análise sensorial dos queixos galegos con DOP

A terceira edición destas accións formativas estará de man de Salomé Beiroa, catadora con máis de 15 anos de experiencia. Celebraranse xornadas de iniciación e formación complementaria en Sergude e Lalín entre setembro e outubro

Estes cursos procuran ampliar información sobre catro das DOP galegas

O Cfea de Sergude organiza a terceira edición do curso ‘Formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos con DOP’ que ofrecerá un total de catro accións formativas impartidas por Salomé Beiroa. Ofertaranse dúas xornadas de iniciación e outras tantas de formación complementaria procurando que “as persoas vinculadas ao sector e industria agrogandeiros adquiran ou melloren competencias para poder elaboraren mellor os seus produtos”, indica a formadora.
PORTADA INTERIOR CATA DE QUEIXOS DOP FORMACION

Imaxe de Salomé Beiroa nunha das catas de queixos

Imaxe de Salomé Beiroa nunha das catas de queixos

Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Neste sentido, a catadora apunta que “temos catro tesouros que divulgar”, en referencia ás catro DOP. Nas sesións formativas abordaranse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.

Estas actividades van dirixidas a calquera persoa vinculada ao sector agrogandeiro, produtores, elaboradores e industria transformadora. Deste xeito, pode inscribirse gratuitamente nesta actividade, non só quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén os produtores lácteos, comercializadores e outros. “Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen del a industria”, afirma Beiroa.
Datas, inscricións gratuítas e queixos
Esta terceira edición comezará coas sesións de formación complementaria dirixidas a aquelas persoas que realizasen xa a inicial ou ben que dispoñan de coñecementos en análise sensorial. A primeira data será a dos vindeiros días 12 e 14 de setembro en Lalín e os 19 e 21 dese mesmo mes en Sergude. En canto á xornada para iniciación, as datas previstas son o 3 e 5 de outubro en Lalín e o 17 e 19 en Sergude. O horario para a primeira cita será desde as 16.00h ás 21.00h.

PUBLICIDADE

O alumnado interesado en participar poderase inscribir, sen custo ningún, a través deste enlace, seleccionando a provincia -Coruña para Sergude e Pontevedra para Lalín-, o tipo de formación como presencial e o curso ‘Formación complementaria á análise sensorial dos queixos galegos con DOP’ se é esa a que se quere realizar ou ‘Iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con DOP’ no caso de non ter participado en anos anteriores.

Con esta proposta, “preténdese achegar a industria e o sector agroalimentario a uns produtos excepcionais como son os queixos galegos con DOP”, avanza Salomé Beiroa. San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla son as catro Denominacións coas que Galicia conta en materia queixeira. Delas, a formadora é experta, e conta cunha longa traxectoria como catadora destes produtos no Panel de Cata da Xunta de Galicia desde fai 15 anos.

Ver todas as noticias de agroalimentación

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *