Producir leite neste momento é arredor dun 15% máis caro que fai un ano. Os custos de produción das explotacións estanse a disparar por subas como a da luz ou o gasóleo, pero, sobre todo, polo encarecemento de materias primas como a colza, a soia ou os cereais, que non deixan de subir e que están incrementar até un 30% os custos de alimentar o gando
As ganderías de leite traballaron ao ritmo normal durante a pandemia de coronavirus, sen notar a crise que afectaba de cheo a outros sectores, pero os efectos post-covid estanse a deixar sentir de maneira importante neste momento en forma de suba desmesurada dos custos de produción e conxelación do prezo de venda do leite. Ultimamente estase a falar moito da suba do recibo da luz ou do repunte dos combustibles pero o maior impacto sobre a conta de resultados das granxas estao a ter o encarecemento do concentrado.
A escalada de prezos das materias primas, que comezou hai un ano, semella non deterse polo momento e comeza a afectar de cheo aos fabricantes de concentrados e ás explotacións gandeiras, que até agora puideron ir amortiguando algo a suba grazas a contratos pechados a longo prazo.
Alimentar o gando supón máis da metade dos gastos nunha gandería
PUBLICIDADE
Pero o incremento da alimentación do gando, o maior dos custos de produción das granxas, podería chegar a dispararse nalgúns casos até o 30% de cara ao vindeiro ano, o que botaría por terra o difícil equilibrio de rendibilidade co que traballan os produtores de leite, cuns prezos de venda en orixe que non están a incrementarse na mesma medida, malia tímidas subas anunciadas por algunhas industrias. Falamos con distintas ganderías para coñecer como están a afrontar a situación e poñer cifras concretas ao que supón nunha granxa o encarecemento das materias primas.
As subas da luz ou do gasóleo teñen menor impacto que os concentrados sobre o total dos custos de produción das explotacións
Aínda que o impacto da suba dos concentrados está a ser xeralizado, non está a afectar de igual xeito a todas as explotacións, dependendo da capacidade forraxeira de cada unha, un factor determinante que condiciona a necesidade de compra de insumos e a cantidade de soia, colza ou fariña de millo empregada na ración, pero de media estariamos falando de encarecementos neste momento de entre 1 e 2,5 céntimos por litro de leite, e con augurios de mesmo dobrarse ese sobrecusto de cara ao vindeiro ano.

Alonso cos seus pais, Rufina e Cándido, na explotación familiar da Baña
A maioría de explotacións leiteiras, sobre todo as de maior tamaño, mercan as materias primas, ben directamente, ben a través de provedores, pero con contratos pechados a un ano ou a varios meses vista, para asegurarse deste xeito un prezo estable que lles permita traballar con certas garantías e sen depender dos vaivéns do mercado. É a estratexia que segue Granxa Pexegueiros, unha gandería con 130 vacas en muxidura ubicada no concello coruñés da Baña.
“Nós traballamos con materias primas pechadas a un ano. A colza mercámola a través de CAP Coruña e o núcleo a base de fariña de millo sírvenolo Progando”, explica Alonso Iglesias. Por iso, conta, “ata agora non notamos moito a suba porque tiñamos pechado prezo ata xullo, pero cando se vai notar moitísimo é para o ano que vén, porque a maioría de empresas ademais non teñen nada pechado e están comprando ao día”, di.
Granxa Pexegueiros paga uns 2.000 euros a maiores ao mes pola suba da colza e a fariña de millo
Granxa Pexegueiros gasta unha cisterna ao mes de colza (unhas 25 toneladas) e unhas 28 de penso (800 kg diarios nas vacas en produción en 100 na recría). No seu caso, a suba das materias primas supón uns 2.000 euros ao mes a maiores. “O penso xa subiu 20€/tonelada pero vai seguir subindo moito máis a medida que avance o ano porque a fariña de millo hai un ano estaba a 170€ a tonelada e agora está a 270, subiu 100€, e a colza vaise encarecer no noso caso entre 40 e 50€ a partir de agora”, indica.

Juanjo, nas instalacións da gandería en Alfoz xunto ao seu fillo e a dous empregados
Juanjo Fraga xestiona a maior gandeiría de leite da Mariña, con 520 produtoras en total repartidas en dúas granxas, unha ubicada na parroquia de Lagoa, en Alfoz, onde prepara a ración diaria con carro mesturador propio cos ensilados que fai na explotación e o concentrado que fabrica Irmandiños na Devesa, e outra en Arante, en Ribadeo, logo de adquirir Nar Xosé, onde segue mantendo o sistema de mestura húmida que lle sirve o CAVI de Vilamartín.
Pero a pesar de traballar con sistemas distintos, di, “os números do que nos supón a suba na alimentación do gando saen moi similares nas dúas granxas, porque os custos de materia prima veñen igual, xa que o provedor é o mesmo, Clun nos dous casos, e o concentrado hai que metelo igualmente na mestura húmida ou no carro que fas ti”, argumenta.
Clun tardou en subir pero foise notando a medida que os contratos a prezo fixo foron caducando
“A alimentación no noso caso supón o 60% do custo total de produción nos dous sistemas e hai pouca diferenza en como nos están a repercutir as subas nunha e noutra granxa. Traballamos tan axustado que céntimos ou medios céntimos de subida dos custos xa nos supón moitísimo en canto a rendibilidade das explotacións”, recoñece.
Segundo os cálculos que fai Juanjo, en base a analizar os datos reais das dúas granxas que xestiona, “estamos nun sobrecusto de 2,5 céntimos en litro neste momento a respecto do ano pasado, pero chegará a 4 céntimos cara a final de ano de seguir subindo así”, di.

Traballos de ensilado de forraxe nas instalacións de Ganxabar en Mazaricos
Ganxabar xestiona a alimentación en conxunto de 1.700 vacas en produción diariamente e case 3.000 cabezas totais contando recría e vacas secas, de 6 explotacións leiteiras da comarca de Xallas e A Barcala. Desde o comezo apostaron pola autosuficiencia forraxeira como estratexia e é en momentos de prezos altos das materias primas coma este nos que esa decisión se ve recompensada.
“Foi algo que nos plantexamos desde o inicio, garantizar a forraxe incrementando a superficie agraria á par que o número de cabezas de gando e dispoñer sempre dun excedente de millo para facer gran húmido. Por iso no noso caso a suba aféctanos menos, pero nas explotacións que teñan que mercar os cereais a suba na alimentación será do dobre, en vez do 15% o 30%”, calcula Adrián Cundíns.
A suba a nós aféctanos menos porque facemos gran húmido de millo e iso permítenos aforrar nos cereais, o incremento só o notamos na colza porque somos capaces de suplir o resto
En función do rendemento da forraxe deste ano, a ración de Ganxabar ten un custo de entre 5,95 e 6 € por vaca e día. “Ata agora a suba só nos afectou nunha porcentaxe pequena da colza porque tiñamos prezo pechado para todo este ano e só o notamos na que mercamos a maiores, pero de cara ao ano que vén o custo da ración podería dispararse a 6,45 ou 6,5 euros só coa suba da colza, porque as propostas que temos para 2022 veñen cun incremento do 45% no prezo con respecto ao que temos este ano”, explica.
A colza supón na ración de Ganxabar un terzo do concentrado e as propostas que teñen para 2022 fixan unha suba do 45% a respecto deste ano
Iso suporía un encarecemento no custo total da alimentación do 10% só coa suba do 45% na colza, ao que habería que engadir un 5% máis de suba total que suporía o incremento do 60% dos cereais (fariña de millo, trigo ou cebada) que leva o núcleo onde mesturan os minerais. A ración que fai Ganxabar nas súas intalacións de Grille, en Mazaricos, contén en total 12 kg de concentrado: 4 son de colza, 4 de gran húmido de millo e os outros 4 formados por un núcleo premix de colza e cereais e onde se engaden os correctores, minerais e aditivos da ración.
A suba da colza (do 45%) suporía un 10% de incremento nos custos totais de alimentación, ao que habería que engadir outro 5% que representaría a suba dos cereais (fariña de millo, trigo ou cebada, que se encareceron un 60%)
A escalada de prezos das materias primas está a ser xeralizada, con subas do 30% na soia, o 45% na colza ou o 60% en cereais como o trigo ou o millo, que pasou de custar 170 euros a tonelada o ano pasado a 270 na actualidade. O efecto contaxio acaba arrastrando ademais a outras materias primas, como é o caso doutras proteoxinosas como a alfalfa ou a veza, que se viron influenciadas á alza pola suba da colza e a soia pese a ter habido unha boa colleita en Castela este ano.
O encarecemento da soia e a colza arrastrou a outras proteoxinosas como a alfalfa e a veza a pesar de que foi un bo ano de colleita en Castela
A maioría das explotacións galegas son dependentes do aporte proteico de produtos como a soia ou a colza para elaborar as súas racións, así como da enerxía que conteñen os cereais e que nalgúns casos están a ser substituídos en parte por subprodutos máis baratos, procedentes da industria alimentaria, como a pulpa de remolacha ou o bagazo de cervexa.
Ganxabar tamén está a estudar distintas alternativas para tratar de paliar a suba da colza que usa. “Nós temos as forraxes e o gran húmido garantidos, pero non podemos meter subprodutos porque a vaca ten a capacidade de comer que ten, pero estamos barallando cambiar a colza, que ten un aporte proteico do 30%, por soia, que pode chegar ao 47% de capacidade proteica, porque é proteína máis concentrada e iso permíteche meter máis forraxe propia na mestura ou forraxe de algo menor calidade. Ata agora soia empregabamos moi pouca, só na recría pequena”, explica Adrián.

Manuel, xunto aos outros dous socios de SAT O Chope
SAT O Chope, de Silleda, fabrica os seus propios pensos a través da cooperativa Proporsi, creada en 1986. “Somos 5 socios e fabricamos nós directamente tanto para nós como para outras ganderías de vacún e porcino, en total servimos a 70 clientes”, explica Manuel Iglesias.
A suba de 35€ en tonelada supón para SAT O Chope 1.500 euros máis ao mes
Non depender de terceiros permitiu a esta explotación, con 200 vacas en produción e muxido robotizado, que gasta unhas 45 toneladas de penso ao mes, minimizar a suba, aínda que non tiveron máis remedio que axustar os prezos do concentrado á alza á medida que se ía encarecendo a compra de materias primas en orixe. “Axustamos o máximo posible, pero hai uns custos que ao final hai que imputar, non queda máis remedio”, recoñece. Neste caso a suba foi de 35€/tonelada, o que supón a SAT O Chope 1.500 euros máis ao mes.
O encarecemento das materias primas está a afectar a todas as granxas, aínda que o seu impacto é diferente en función do tamaño e o modelo da explotación. As ganderías pequenas e que manteñen o gando en pastoreo son as que mellor están a amortiguar a suba das materias primas.
Rafael Méndez de Ganadería Artoño SC, de Agolada, ten unha explotación de tamaño medio, con 62 cabezas e 70 hectáreas de terreo. A abundancia de superficie agraria permítelle apostar polo pasto como xeito de abaratar a alimentación do gando.
A suba do penso notámolo todos, pero o impacto é moi distinto nunhas ganderías e noutras porque depende moito dos quilos que lles deas
“A suba do penso nótase pero depende moito do que lles deas, claro. Eu bótoas a pacer e doulles entre 7 e 8 quilos de penso. Sírvemo Hermanos Penas de Arzúa e subiume 4 céntimos por kg do ano pasado a este ano. Ao dispoñer de terreo e poder telas en pastoreo permíteme amortiguar os custos de produción porque non dependes tanto do penso. O impacto da suba das materias primas é moi diferente nunha explotación pequena coma a miña ou nunha grande moito máis intensiva”, considera Rafael.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta