PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Piden a Xunta máis facilidade para plantar viñedos en terras abandonadas de Valdeorras

Reunión do conselleiro José González co pleno do Consello Regulador da DO Valdeorras

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este mércores a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, onde mantivo unha xuntanza co presidente, José Luis García Pando, e cos membros do pleno do organismo.

Na xuntanza, García Pando trasladou ao titular do Medio Rural as demandas do sector vitivinícola valdeorrés, entre as que salientou a necesidade de “procurar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos produtivos”.

Xunto a isto, o presidente do C.R.D.O. Valdeorras instou a González a promover unha actualización do rexistro vitícola porque “moitas veces a numeración do SIXPAC non coincide coa do catastro”. García Pando considerou que estes erros “non poden afectar na petición de axudas para plantacións novas”.

PUBLICIDADE

Paralelamente, na xuntanza púxose en valor a necesidade de ter canto antes lista unha aplicación que permita informatizar o traballo administrativo das adegas, incluíndo informes e licenzas obrigatorias. Tal e como destacou García Pando perante o conselleiro, “en Valdeorras xa se traballa nesta liña”.

Máis axudas para gastos de control

O presidente do C.R.D.O. Valdeorras solicitou tamén á Xunta un “aumento do orzamento para os gastos de control: auditorías, vendima, etc”. Xustificou esta demanda no feito de que “nos últimos catro anos os gastos de control téñense multiplicado por catro”.

Tamén na reunión de hoxe se puxo de manifesto a necesidade de “reclamar ao Goberno Central que as axudas europeas para plantacións sexan xestionadas dende a Xunta”. Así o solicitou ao conselleiro o presidente do C.R.D.O. Valdeorras.

Pola súa banda, o titular do Medio Rural destacou durante a súa intervención perante os medios do pleno a “tolerancia cero” da administración autonómica con respecto a “calquera tipo de fraude no eido vinícola”. E tamén salientou a aposta da Xunta pola “promoción dos produtos acollidos ás denominacións de orixe galegas”. “Queremos apostar pola calidade, polas variedades autóctonas e pola comercialización conxunta”, apostilou. “Non falamos dunha D.O. única porque cada unha ten as súas diferenzas e todas son necesarias, pero cómpre aproveitar as sinerxias comúns”, abondou e proseguiu sinalando que “imos facer un plan estratéxico dinamizador das cinco comarcas vinícolas galegas”.

PUBLICIDADE

Ao respecto da recuperación e posta en valor dos terreos produtivos galegos, o titular do Medio Rural avogou por “articular mecanismos para facilitar o acceso a estas terras”. Neste sentido, indicou que en 2019 aprobarase unha lei que posibilitara a recuperación de moitas destas terras.

Tras a visita á sede do Consello Regulador, o conselleiro acompañado polos membros do pleno, desprazouse ata as instalacións de SAT Godeval e visitou tamén a cooperativa vitivinícola Jesús Nazareno.

DO Valdeorras

A denominación de orixe Valdeorras aglutina case 1.300 viticultores e 43 industrias, cunha superficie inscrita que se aproxima ás 1.200 hectáreas. Na última vendima, nesta zona recolléronse 4,7 millóns de quilos de uva, o que representa un aumento de máis do 11% respecto da campaña anterior. Na última vendima colleitouse un 60% de uva branca (sobre todo Godello) e un 40% de tinta (fundamentalmente Mencía).

PUBLICIDADE
Ver todas as noticias de portada arriba dereita

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *