PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Galicia afronta o verán sen que a Xunta iniciase a prevención de lumes

Os traballos en montes conveniados, xestionados pola Administración autonómica, aínda non iniciaron a súa execución. Tampouco as comunidades de montes autoxestionadas puideron iniciar as tarefas que realizan con axudas de Medio Rural

As tarefas de prevención comezarán en época de alto risco de lumes.

Se os lumes se apagan no inverno nas tarefas de prevención, Galicia chega a cada verán cun suspenso con maiúsculas. O escenario do 2017 é similar ó doutros anos. Os traballos de prevención nos montes veciñais conveniados, unhas 300.000 hectáreas que xestiona a Xunta, aínda non comezaron, en plena época de alto risco de lumes. A situación non é mellor nos montes veciñais autoxestionados, nos que as axudas de Medio Rural para prevención chegarán un ano máis a deshora.

O enfado no sector forestal é crónico. “Estamos na mesma situación de tódolos anos. Chega o verán sen que se teñan feito os traballos de prevención e despois pasa o que pasa” -resume Jacobo Feijoo, da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), unha organización ligada a Unións Agrarias-. “En Ourense, a vaga de lumes de setembro do ano pasado colleu a Medio Rural con só un 15% dos traballos de prevención executados en montes conveniados da provincia”, critica.

“A vaga de lumes de Ourense do 2016 colleu á Xunta con só un 15% dos traballos de prevención executados” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

PUBLICIDADE

Esta campaña, as tarefas nos montes conveniados, como rozas en cortalumes e pistas, aínda non comezaron e tampouco saíron a concurso na súa maior parte . En canto ós montes xestionados polas propias comunidades veciñais, a liña de axudas disposta por Medio Rural chega de novo tarde. A resolución das axudas fíxose a mediados de maio, pero antes de que os montes veciñais poidan iniciar os traballos, é precisa unha inspección previa dos técnicos da Xunta, que deben elaborar un informe, e só despois se lle traslada ás comunidades a autorización para comezar.

Problema, a dous días do inicio da época de alto risco de incendios, non chegan ó 10% as comunidades que recibiron a notificación que lles permite meter as máquinas no monte, segundo calculan asociacións forestais e empresas do sector.

Lumes antes dos traballos de prevención
“Por desgracia, pasará o de tódolos anos. Nalgunhas comunidades non serán necesarios os traballos de prevención porque chegará o lume antes e xa non deixará mato que rozar” -critica o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira.- “Percibimos da Xunta unha despreocupación total porque pasa o mesmo tódolos anos e non se corrixe. Estamos falando de temas burocráticos, de xestión, non pode ser difícil facelo mellor”, valora.

“Percibimos unha despreocupación total. Falamos de temas burocráticos, de xestión, non é difícil facelo mellor” (Xosé Alfredo Pereira)

PUBLICIDADE

A mesma postura expresan desde Asefoga: “A solución pasa por establecer un calendario de traballo que permita executar as medidas prevención antes do verán. Hai que traballor por obxectivos e cun calendario na man”, sinala Jacobo Feijoo.

Tamén a Asociación Forestal de Galicia, un dos principais colectivos que agrupa a propietarios forestais e comunidades de montes, cuestiona a ausencia de medidas de prevención chegado o verán. “É un problema certo e que se repite, pero tamén hai que dicir que a maior parte da prevención en Galicia facémola os propietarios privados e as comunidades de montes sen axudas. Semella que é un traballo que non existe, xa que non se computa no Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga) e sería bo recoñecelo e poñelo en valor”, defende o director técnico da AFG, Francisco Dans.

Cambios no 2018
Ante as críticas do sector, que se plasmaron no Consello Forestal celebrado esta semana, a Consellería asegurou que no 2018 resolverá as medidas de prevención durante o inverno, tanto a liña de axudas para comunidades de montes como a licitación dos traballos nos montes conveniados. O obxectivo é que se poidan acometer as tarefas durante a primavera, antes do verán. “Dixeron que este ano era o último no que sucedía tal cousa”, confirman as organizacións presentes no Consello.

PUBLICIDADE

Medio Rural anunciou no Consello Forestal que no 2018 as tarefas de prevención executaranse na primavera

O sector forestal, non obstante, colle a promesa con excepticismo. “Tódolos anos soltan a mesma cantinela e nunca cumpren” -lamenta Xosé Alfredo Pereira-. “E mentres tanto, seguimos tirando con cartos públicos, porque eses traballos de prevención, cando se fagan este ano, xa non cumprirán a misión para a que foron pensados”.

Prazos
En teoría, as comunidades de montes teñen esta campaña ata o 17 de setembro para executar os traballos de prevención obxecto de axudas, aínda que con posibilidades de prórrogas. A dous meses e medio do remate do prazo, a gran maioría aínda non ten autorización para iniciar as tarefas, co cal un ano máis comunidades de montes e empresas de servizos forestais terán que traballar a contrarreloxo.

Outro problema radica no perigo que representa a introdución de maquinaria no monte en época de alto risco de lumes. De acordo coa normativa autonómica, os traballos de prevención non poden executarse cando o índice de risco de incendios é elevado, pero na práctica as empresas vense entre a espada e a parede. Ou fan caso omiso desa norma ou non executan os traballos de prevención.

“Precisamos máis información e actuar nos puntos negros incendiarios”

O Plan de Defensa contra Incendios de Galicia (Pladiga), presentado esta semana por Medio Rural, é cuestionado polo sector forestal, xa que, din, consiste nun documento que basicamente adícase a compendiar os medios de extinción e a súa distribución. “Precisamos analizar e evaluar o que sucede cada campaña para identificar os problemas e actuar en consecuencia”, destaca Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia (AFG).

“Temos un servizo de bombeiros forestais altamente eficaz e polo que temos que estar agradecidos” (Francisco Dans, AFG)

“Son necesarios elementos básicos para comprender a situación. Trátase de cuestións como onde se prende lume, que masas son as máis afectadas ou que porcentaxe de incendios hai en montes particulares, en montes veciñais e en superficies conveniadas coa Administración. Se a Xunta non ten eses datos, malo; se os ten e non nolos dá, peor”, conclué Dans.

O director técnico da AFG incide tamén noutro problema endémico, o dos puntos negros incendiarios, 73 parroquias de Galicia que destacan pola reiteración dos lumes que sofren ou pola súa dimensión: “Como é posible que tendo estes 73 puntos localizados, non haxa máis eficiencia na detención ou disuasión dos incendiarios? É algo no que temos que reflexionar”, plantea.

Como punto positivo, Dans subliña a alta eficiencia dos servizos de extinción. “Temos un servizo de bombeiros forestais moi eficaz. É un servizo público que temos que ter, que funciona ben e polo que temos que estar agradecidos os propietarios forestais”, recoñece.

Ver todas as noticias de forestal

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *