
Mieles Anta, a maior empresa produtora e envasadora de mel de Galicia, asinou este sábado un contrato con apicultores galegos a un prezo fixo tanto para mel como para pole ou propóleo, e cunha duracion de entre 3 e 5 anos.
A firma do contrato, o primeiro destas características en Galicia e que foi promovido pola Agrupación Apícola de Galicia, tivo lugar este sábado pola mañá nas instalacións desta empresa familiar no municipio lucense de Bóveda.
O documento foi rubricado por máis dunha vintena de apicultores das provincias de Lugo e de Ourense, todos eles inscritos na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, mientra que outros oito non asinaron á espera de que se inclúa no contrato unha cláusula específica para os meles monoflorais, aínda que a súa intención é incorporarse tamén a este acordo.
Segundo David Corral, fundador de Mieles Anta, “o obxectivo que perseguimos é darlle estabilidade e seguridade nos prezos aos apicultores, para que poidan traballar a varios anos vista, e para a nosa empresa ter tamén unha garantía de subministración de mel para abastecer aos nosos provedores e seguir ampliando mercados”. Non en van, e a pesar de contar con máis de 10.000 colmeas propias, a alta demanda, especialmente no exterior, obrigou o pasado ano a Mieles Anta a adquirir a apicultores galegos inscritos na IXP Mel de Galicia máis de 200 toneladas, e este ano a previsión é aumentar as compras a unhas 400 toneladas.
“Acabamos de empezar a entrar no mercado de Estados Unidos co mel ecolóxico e vemos tamén moitas posiblidades para o mel e o pole galego convencional”, recoñece David Curral.
Condicións dos contratos
Os contratos de Mieles Anta teñen unha duración de entre 3 e 5 anos, segundo prefira o apicultor, e a un prezo para o mel convencional multifloral de 3,85 euros máis Ive. Tanto o mel multifloral como o ecolóxico terán maior retribución, á espera de que se engadan estas cláusulas.
En canto aos prazos de pago, a empresa envasadora comprométese a pagar a 60 días. Tamén existe a opción de pago en man, cun desconto por pronto pago do 3%.
David Corral asegura que a intención de Mieles Anta “é seguir incoporando apicultores a este contrato, a condición de que teñan un mel de calidade e estean inscristos na IXP Mel de Galicia”. Tamén lles ofrecen asesoramento técnico e un servizo de estampado de cera para lograr as óptimas condicións sanitarias.
Este contrato, promovido pola Agrupación Apícola de Galicia e co aval da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, faise unha realidade despois dos obstáculos da Comisión Nacional da Competencia ao contrato homologado promovido por estas dúas entidades.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta