PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Recomendacións para o cultivo da horta no mes de abril

1

Abril é un mes de moita actividade na horta pois marca o inicio para plantar a maioría dos cultivos de verán (xudías, tomates, leitugas, patacas, cabazas..). Aínda que a posibilidade de xeadas adoita ser menor, si que poden darse importantes oscilacións térmicas e algunha saraibada polo que haberá cultivos que, se os plantamos en exterior, teremos que protexer.

Os devanceiros, sabedores da importancia deste mes para a colleita de todo o ano, deixaron ditos como “Abril que non chove, deixa ao labrego pobre”.

Velaquí algúns consellos:

PUBLICIDADE

– Sacharemos as plantas sementadas o mes pasado, como chícharos, leitugas, cebolas ou brásicas (repolo, brócoli, coles…). Sempre debemos facelo con tempo soleado e seco para axudar a que sequen as herbas.

-Tamén nos lembraremos de sachar e quitar as herbas adventicias en cultivos que xa plantamos hai meses, como os allos, os chícaros ou os amorodos. En caso de que haxa varios días seguidos de calor e humidade, favorecerán a aparición de mildeu ou rolla en allos e cebolas, polo que é recomendable facerlles un tratamento antifúnxico sulfatando as cebolas con cobre e, no caso dos allos, engadirémoslle un pouco de xofre.

– No caso das patacas de cedo, se xa están nadas e en caso de que coincidan varios días seguidos de calor e humidade tamén é recomendable facerlles un tratamento con sulfato de cobre para previr a aparición de enfermidades.

– Quitaremos da terra os últimos cultivos de inverno, especialmente os porros, que durante este mes tenderán a grelar. Picalos e conxelalos é unha opción fácil para dispor deles durante os próximos meses.

PUBLICIDADE

– Neste mes, tamén podemos empezar a plantar as patacas de tarde. Para os que sigan o calendario lunar, preferentemente en lúa minguante.

– En canto ás sementeiras, podemos plantar en exterior leituga, porro, acelgas, remolacha…etc. Para pequenas hortas familiares, unha opción máis cómoda é mercar directamente a planta en cepellón.

– Dende finais de abril e até finais de maio é o momento tamén de plantar en exterior todo tipo de cucurbitáceas. É dicir, cabaciña, cogombro, cabaza, melón, sandía..etc.

PUBLICIDADE

– Tamén podemos plantar en exterior cara fin de mes xudía, tanto baixa como de enrame, que  podemos colleitar a finais de xuño.

– É un bo momento tamén para plantar cenouras, preferentemente en lúa minguante. Actualmente xa hai no mercado semente que ven pegada a tiras de papel, o que facilita moito a sementeira.

Loxicamente, as condicións climáticas de Galicia varían moito dunha comarca a outra, polo que estes consellos haberá que adaptalos, atrasando as épocas de transplante en exterior se o clima é máis frío e estamos a maior altura.

Por último, non debemos esquecer seguir removendo o noso composteiro ou pila na que imos xerando o noso propio abono orgánico cos restos dos alimentos, herba, follas….etc.

Ver todas as noticias de agricultura

Publicacións relacionadas

4 respostas a “Recomendacións para o cultivo da horta no mes de abril”

  1. Vanesa di:

    Que vos parece de sulfarar un horto que está cheo de ortigas? No caso de sulfatar con glifosato terá moitos riscos paraa saúde?
    Grazas

    • campogalego di:

      Non o faría. Se é pequena a horta cortaría as ortigas e logo incorporarías á horta como abono. As ortigas indican un exceso de nitróxeno no solo, polo que durante un ano non abonaría. Espero que che sirva de axuda.

    • Ruben di:

      Si, os glifosatos evitalos ou erradiccalos sempre que se poida. Van às augas e da auga vivimos todos, plantas e bioloxía completa do campo incluída, ademáis de non faverecer en nada as labores da terra, cubrir con palla, terra, segar, sachar ou arar son posibles alternativas… A ortija é fabulosa contra o mildiu, tamén como repelente de animais que non lle gusta o cheiro e a urticaria que proe… Así que aminas ortija 🙂 os labregos galegos somos expertos en buscar opcións antes ca velenos, ánimo e bo traballo!

  2. Yolanda di:

    Bos días¿ Sería viable plantar unhas tomateiras en maceta nunha terraza o aire libre na zona da costa lucense? Sería nunha altura dun 6° piso, dá moito o aire pero estaría resguardada y cando hay sol é muy soleada.¿ Qué cuidados me recomendas? Gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *