O Ministerio de Agricultura asegura que consultará nos próximos días ás Comunidades Autónomas e organizacións agrarias para tomar unha decisión. A Comisión Europea autoriza aos Estados a prolongar o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de xuño
As organizacións agrarias galegas coinciden en reclamar que o Ministerio de Agricultura autorice unha prórroga do prazo de presentación das solicitudes da PAC, polo menos, ata o 31 de maio. En declaracións a Campo Galego, desde o Ministerio sinalan que “a decisión tomarase nos próximos días, despois de consultar ás Comunidades Autónomas e ás organizacións agrarias”.
A Comisión Europea autorizou este martes aos Estados Membro da UE para ampliar o prazo de presentación das solicitudes da PAC, se o consideran oportuno, ata o 15 de xuño, para que os agricultores realicen a súa solicitude de axuda para pagos directos e certas solicitudes de pago correspondentes ao desenvolvemento rural.
De momento, o Ministerio ampliou, ata o próximo 15 de maio, o prazo de presentación da solicitude única dos pagos directos á agricultura e gandería para o ano 2016. Unha ampliación que desde a Unión de Pequenos Agricultores (UPA), o sindicato estatal no que está integrada Unións Agrarias, consideran insuficiente xa que estiman que preto do 50% das PAC en todo o Estado están aínda sen presentar.
Para Óscar Pose, de Unións Agrarias, “15 días máis de prazo son innegociables, porque o proceso iniciouse con moito atraso, o 1 de marzo, con bastantes problemas na aplicación da PAC, e nestes momentos os gandeiros están ensilando a herba, co que tampouco teñen tempo de acudir á oficinas para presentar as solicitudes”. Pose subliña que “os prazos da PAC non se cumpren non polos gandeiros, senón pola Administración e os problemas na súa aplicación informática” e pide ao Ministerio que “canto antes diga ata canto se amplía o prazo de presentación” de solicitudes.
SLG: “A administración non cumpriu os seus prazos, o menos é que amplíe o período de solicitude”
Na mesma liña pronúnciase Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG), para quen “se a Administración non fixo os seus deberes, o menos é que deixen tempo aos gandeiros para presentar as solicitudes”. Cendán asegura que “se o 1 de marzo a Xunta tivese as solicitudes cargadas na web non habería que pedir ampliación de prazo de presentación”, e advirte de que “a estas alturas a Consellería aínda está a cargar datos das parcelas no programa da PAC”.
Pola súa banda, Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA-Galicia, defende que “o lóxico é que, como moi tarde o prazo de solicitude acabe o 31 de maio, que sería máis que suficiente”. “De amplialo ata o 15 xuño -asegura-, produciríase un agravio comparativo cos agricultores e gandeiros que si presentaron a súa solicitude en tempo e forma e, ademais, acumularíase un atraso burocrático que tería consecuencias no prazo de pago das axudas da PAC, como xa vimos este ano”.
No que si coinciden todos é en pedirlle ao Ministerio que a prórroga se faga efectiva canto antes para acabar coa incerteza dos agricultores e gandeiros.
Problemas na PAC deste ano detectados por UPA
Desde UPA detectan unha serie de problemas na PAC deste ano que atrasaron a presentación das solicitudes de axudas. Van desde os derivados da aplicación informática de xestión das solicitudes, ata o atraso na asignación de dereitos de pago básico en varias Comunidades Autónomas, así como a resolución de moitos expedientes ou as sucesivas modificacións do Coeficiente de Admisibilidade de Pastos.
Outra das causas do atraso na xestión das solicitudes é que esta PAC mantén “unha gran incerteza” para os mozos e mozas que se acaben de incorporar ao sector e que se acolleron á Reserva Nacional. “Estes agricultores e gandeiros aínda non coñecen os seus dereitos definitivos, polo que non saben que declarar na solicitude”, aseguran desde UPA. Tampouco se comunicaron definitivamente todas as cesións e transferencias de dereitos.
Desde UPA consideran oportuno ampliar o prazo ata o 31 de maio, para logo dispoñer de quince días máis para as modificacións das solicitudes xa rexistradas que se consideren oportunas.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta