PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A policía levanta acta a gandeiros afectados polo lume de Cualedro por pastorear nos terreos queimados

Os afectados denuncian a súa indefensión xa que o pastoreo se realiza en terreos agrarios da súa propiedade, non suxeitos á Lei de Montes e de Incendios. Acusan á Xunta de incumprir as súas promesas e temen que as actas acaben en sancións.

1
Pastos afectados por el incendio de Cualedro recuperados este invierno

Varios gandeiros dos municipios ourensáns de Cualedro e de Baltar, afectados en agosto de 2015 por un devastador incendio que calcinou máis de 3.000 hectáreas, recibiron este mércores pola noite a visita da Policía Autonómica, que os identificou e lles levantou acta por ter o seu gando pacendo nos terreos incendiados.

Os afectados denuncian a súa indefensión, xa que as zonas de pastoreo son terras agrarias de concentración parcelaria que, malia resultar queimadas polo lume, non están suxeitas á Lei de Montes e de Incendios, que obriga a non introducir o rabaño nos dous anos seguintes dende a data do incendio, pero para terreos forestais, como os montes comunais.

O desconcerto entre os gandeiros é maior xa que nunha reunión o pasado mes de decembro co delegado da Consellería do Medio Rural en Ourense, este lles autorizou verbalmente a pastorear nos terreos agrarios da súa propiedade, unha obriga en moitos casos debido á falta de forraxes para os animais.

PUBLICIDADE

Ademais, lamentan que non recibiron ningunha axuda das prometidas no seu día polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ás zonas calzinadas. E é que moitos destes gandeiros non só perderon os pastos nos que mantiñan o seu gando en réxime extensivo, senón tamén rolos de herba e mesmo establos e maquinaria.

En canto aos seguros, os que os tiñan contratados aseguran que cubriron unha pequena parte dos danos e que nalgúns casos aínda non cobraron.

“Tememos que a acta sexa o paso previo á sanción”

José Pérez Bouzas é un dos gandeiros afectados. Vive no Bouzo, no concello de Baltar, e xunto cun irmán levan unha explotación de 35 vacas en extensivo. Ata o verán pasado tiñan tamén un rabaño de máis de 400 ovellas, “pero vendémolas antes do incendio, e foi o que nos salvou pois non teríamos recursos para comprarlles toda a forraxe despois do lume”.

PUBLICIDADE

Asegura que axentes da Policía Autonómica “viñeron o mércores pola noitiña e levantaron acta porque as vacas estaban nunha finca nosa de concentración parcelaria que ardera no verán pasado”. “Dixeron que os mandaba o seu xefe da Policía Autonómica para indentificar aos gandeiros que andabamos no queimado”, explica. Algo que non entende porque “a finca é terreo agrícola e non forestal, e a propia Xunta nos prometeu que se non metiamos o gando no monte comunal queimado non teríamos sanción”.

“Non recibín ningunha axuda, nin as grazas por apagar o lume”

No caso de José Pérez Bouzas o lume de Cualedro queimoulle máis de 300 rolos de herba e 70 das 100 hectáreas que ten na PAC. “Puidemos saír adiante porque tiñamos bastante silo de herba e de millo almacenado”, asegura.

PUBLICIDADE

En canto ás axudas asegura que “non recibín nin as grazas por apagar o lume e, en canto ao seguro, aínda me están dando largas para cobrar por un comedeiro das vacas e un pastor eléctrico que arderon no incendio, o único que me cubriu”.

Copia da acta levantada pola Policía a un dos gandeiros: 

SANCION_CUALEDRO_02

Ver todas as noticias de carne

Publicacións relacionadas

2 respostas a “A policía levanta acta a gandeiros afectados polo lume de Cualedro por pastorear nos terreos queimados”

  1. Sócrates di:

    En setembro, a bombo e platillo, Feijoo e os alcaldes de Cualedro, Baltar e Xinzo de Limia asinaron o “Manifesto de Cualedro”, “acordado para recuperar a superficie queimada no gran incendio rexistrado nese Concello, e que contempla ….o triple compromiso de restaurar, previr o abandono e por en valor os terreos agrícolas e forestais fronte aos incendios…”. Segundo a prensa, Núñez Feijóo dixo que “buscarase unha solución para os gandeiros afectados, que quedaron sen pasto por mor do lume”.
    E agora, Nuñez Feijoo cumpre a súa promesa, e da a solución aos gandeiros afectados: Denúnciaos.
    En que país vivimos? Como podemos seguir aguantando a esta panda de badulaques?

  2. tomas di:

    hola, parece interesante as explicacions dos afectados, pero apagar o lume non me parece motivo para dar as “gracias” pareceme unha obriga moral de cada un e máis se as propiedades son túas e podes axudar razón de máis

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *