PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Incertidume e preocupación ante as dificultades para recoller a produción de pataca na Limia

Das case 5.000 hectáreas cultivadas habitualmente, estímase que un 60% das fincas de patacas están inda sen recoller na comarca

ALimia_BorrascaKirk limia patacaMedra a preocupación entre os pataqueiros e pataqueiras da Limia ante a incertidume provocada como consecuencia das choivas, que están a complicar a recollida da produción.

“O ano agrícola empezou mal e pode rematar peor. As choivas da primavera retrasaron a sementeira do cultivo das patacas, polo que o ciclo de cultivo tamén se retrasou para poder recoller as fincas cultivadas”, explica o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca da Limia, Anxo Pérez Rúa.

A choivas persistentes do outono están a dificultar a recollida das patacas con maquinaria pesada, nuns casos porque o avance da maquinaria é moito máis lento do habitual e, noutros casos, porque a excesiva humidade das fincas fai moi complexa a entrada de maquinaria pesada nas mesmas, polo que imposibilita a recollida.

PUBLICIDADE

“Nótase ansiedade na comarca porque a climatoloxía non dá tregua e os gastos que están invertidos na terra establécense entre 6.000 – 8.000 euros por hectárea. Estímase que na comarca da Limia a día de hoxe aínda quedan máis do 60% das fincas de patacas sen recoller das case que 5.000 hectáreas cultivadas habitualmente. Se non se dan recollido estas patacas as perdas na comarca van a ser astronómicas”, advirte Pérez Rúa.

“Logo dun ano desastroso na recollida do cereal na que non se cubriron custos de produción, quedaba a esperanza de que o cultivo de pataca dese polo menos salvado a campaña da comarca, pero segundo van pasando os días a situación non fai máis que agravarse”, engade.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) instan á Consellería de Medio Rural a que “tome cartas no asunto e, xunto co sector, empece a traballar en medidas que corrixan as enormes perdas económicas que vai supoñer esta situación para unha das principais comarcas agrícolas de Galiza”.

Ver todas as noticias de agricultura

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *