PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Actividades da XVII Feira do Viño Monterrei

Catas comentadas, xogos populares ou showcookings son algunhas das actividades previstas no marco da XVII Feira do Viño Monterrei, que terá lugar a próxima fin de semana na localidade de Verín.

O sábado 10 de agosto, ás 13 horas, terá lugar a primeira das actividades programadas no marco da Feira do Viño Monterrei. Será a charla ’Elaboracións, variedades e chans da D.O. Monterrei’, impartida por David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía. Nesta iniciativa mostraranse diferentes elaboracións vitivinícolas amparadas pola D.O. Monterrei, destacando a importancia das variedades e os chans.

Na mesma xornada, ás 20 horas, realizarase ‘Sinfonía de sabores: harmonía de viños de Monterrei, gastronomía e música’ con Begoña Vázquez (Mellor cociñeira galega do ano e responsable de O Regueiro da Cova), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín).

Durante a devandita actividade os participantes descubrirán diferentes elaboracións culinarias, maridadas con viños da denominación, e acompañadas por un pequeno concerto acústico de guitarra.

PUBLICIDADE

O domingo 11, ás 13 horas, organizarase a cata ‘O Godello: tipicidade e misterios do rei dos brancos’. Nesta iniciativa, a través dunha cata a cegas, ensinaranse as características do Godello de Monterrei e as diferenzas con outras zonas vitivinícolas. Correrá a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres – AGASU.

Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición e celebraranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda.

Doutra banda, durante o 10 e 11 de agosto, o público infantil contará con actividades específicas para eles na zona sur do parque da Alameda, entre as 20 e 22 horas, e estarán conformadas por xogos populares como ra, 3 en raia ou tangram, entre outros. Neste caso non é necesaria a inscrición previa.

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 720 hectáreas de territorio nas que traballan 375 viticultores conformando 29 adegas.

PUBLICIDADE
Ver todas as noticias de portada arriba dereita

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *